Skip to main content
Sarria

O Camiño Francés que pasa por Sarria púxose en valor no Fitur

Por 20 Xaneiro, 2023Xaneiro 21st, 2023Sin comentarios

Sarria estivo presente na Feira Internacional de Turismo a través da súa concelleira de Cultura e do Camiño de Santiago, Reyes Abella, que convidou aos asistentes á presentación do proxecto ‘Camiño Francés. Camiño 360’ no stand de Galicia no Fitur.

Durante a súa exposición, describiu o Camiño Francés como “unha ruta de historias, de cultura, de espiritualidade, de paisaxes e de convivencia” e salientou que, segundo os últimos datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, ao longo do ano 2022 máis de 130.000 peregrinos iniciaron en Sarria a súa andaina cara a Compostela.

“Estamos a falar de 132.047 peregrinos que posiblemente cearon, pernoctaron, almorzaron, xantaron ou compraron en Sarria, con todo o positivo que iso supón”, subliñou. Tamén explicou que esa cifra é “especialmente significativa para uns municipios localizados nunha contorna eminentemente rural, con dispersión poboacional e cunha dinámica demográfica regresiva”.

Así fixo incidencia na repercusión do Camiño Francés como “fonte de vida e riqueza cultural, social, económica e comercial e un auténtico salvavidas contra o tsunami da España baleirada”, resaltou.

Reyes Abella referiuse tamén aos integrantes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés como “os principais interesados en sacarlle rendibilidade ao Camiño”, e apelou a todas as administracións a “autoimporse deberes co obxectivo de trazar unha estratexia orientada a avanzar conxuntamente cara un Camiño Francés máis sostible e que permita aos peregrinos vivir a experiencia dunha forma máis natural e cercana á súa esencia primixenia”.

Por todo isto, na presentación pediu “preservar a esencia do Camino Xacobeo como ruta milenaria de peregrinación” e “recuperar e poñer en valor a súa herdanza cultural”, reivindicando “un Camiño sinónimo de calma, non de présas; un Camiño de convivencia e conexión, pero tamén de introspección; un Camiño que nos ensine o sinxelas que poden ser as cousas; e un Camiño que permita aos peregrinos apreciar os milleiros de detalles dunha Galicia na que temos a sorte de vivir”, concluíu Abella.