Skip to main content
Sarria

O PSOE de Sarria denuncia a situación sanitaria do municipio e sinalan directamente ao PP

Por 26 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Os representantes do Partido Socialista no municipio de Sarria acudiron ao centro de saúde do municipio para coñecer a situación na que se atopan tanto sanitarios como pacientes.

Tras escoitar as queixas dos doentes, denuncian a situación de “desatención sanitaria” xa que, “só hai un pediatra para atender a toda poboación e que non se cobren nin as baixas, nin as vacacións dos facultativos”.

Ademais, lembran que inicialmente había dous pediatras que pasaban consulta, “pero dende hai tempo hai un de baixa e actualmente aínda non se cubriu”, advirten dende o PSdeG.

Nesa liña, inciden en sinalar que “foi o PP o que impulsou os recortes sanitarios na vila, que comezaron co peche do ambulatorio situado da parroquia de Ourol”.

Os socialistas de Sarria advirten de que esta situación ten como consecuencia  “unha perda de calidade asistencial moi acusada”. “Estamos falando dun dos concellos máis grandes da provincia da Lugo, cunha poboación que ronda as 13.000 persoas, que non poden quedar desatendidas e abandonadas”, explican.

No que se refire aos médicos de familia do ambulatorio, “unha praza está sen cubrir, polo que o resto dos sanitarios que pasan consulta encárganse da súa cota. Polo tanto, sufrimos recortes en pediatría e recortes na Atención Primaria”, explican.

Por último, cunha chamada de atención ao PP, declararon: “Estas son as receitas do PP para atención sanitaria no concello de Sarria, desmantelamento sanitario e abandono”.