Skip to main content
Triacastela

A Cova Eirós acollerá un estudo sobre cuarzos que contará co apoio da Fundación Palarq

Por 8 Xaneiro, 2023Xaneiro 10th, 2023Sin comentarios

A Cova Eirós, situada no municipio de Triacastela, acollerá un estudo sobre cuarzos co obxectivo principal de comparar as estratexias de abastecemento de materias primas que os neandertais e os Homo Sapiens que habitaron esta cova empregaron para fabricar as súas ferramentas.

Esta iniciativa contará co apoio da Fundación Palarq, unha fundación privada sen ánimo de lucro nada no ano 2016 coa finalidade de apoiar a equipos españois que realicen o seu labor no campo da arqueoloxía e a paleontoloxía humana.

A responsable de comunicación da Fundación Palarq, Lourdes Palomo García, asegura que “ A parte das axudas económicas, temos a misión de divulgar a arqueoloxía e paleontoloxía recollendo na nosa web e redes sociais as noticias máis destacadas e os últimos achados tanto a nivel nacional coma internacional, contando coa participación de persoas con relevancia cultural en redes sociais que son especialistas nestas disciplinas”.

Falamos con Arturo de Lombera Hermida, membro do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais da Universidade de Santiago de Compostela (Cispac), para coñecer o estudo que se levará a cabo este 2023 na Cova Eirós.

Cóntenos un pouco da súa traxectoria profesional, iniciativas nas que participou e como xurdiu o de mergullarse no proxecto da Cova Eirós de Triacastela?

Tras licenciarme na USC e cursar un máster na Universitat Rovira i Virgili (URV), xunto con R. Fábregas da USC e Xose Pedro Rodríguez da URV, en 2006 comezamos un proxecto sobre os xacementos paleolíticos na Depresión de Monforte de Lemos.

Non foi ata 2008, cando iniciamos as escavacións de Cova Eirós polo interese e o potencial que ofrecía esa cova, xa que conserva tamén os restos fosilizados da fauna da época. A calidade do seu rexistro arqueolóxico e, sobre todo, o descubrimento de pinturas e gravados paleolíticos no seu interior, demostrounos a enorme importancia do xacemento para o estudo da Prehistoria galega.

Que se pretende con este novo estudo sobre cuarzos que se vai levar a cabo?

O obxectivo é comparar as estratexias de abastecemento das materias primas que os neandertais e os Homo Sapiens que habitaron Cova Eirós usaron para fabricar as súas ferramentas. Elaboraban os seus instrumentos en cuarzo, pero tiñan diferentes tecnoloxías e estratexias á hora de seleccionar a materia prima.

Os cuarzos teñen unhas pequenas inclusións gaseosas ou líquidas no seu interior, cun “sinal” xeoquímico determinado que diferencia os procedentes dun filón doutro. Se comparamos o sinal dos filóns que atopamos nos vales próximos a Eirós cos dos artefactos, poderemos saber a que vales ou puntos foron a buscalos.

E o mesmo cos artefactos en cristal de rocha. Se tódolos instrumentos teñen o mesmo sinal, indícanos que proceden dun mesmo filón, co que nos indica unha estratexia intensiva de explotación dos cuarzos dun filón, unha proto-minería. Se os artefactos son xeo-quimicamente diferentes, indica que foron recollidos de diversos filóns e vales distintos.

Esta aproximación xa se aplicou en xacementos do Neolítico dos Alpes, pero é a primeira vez que se aplica a contextos paleolíticos.

Cales serán as técnicas empregadas? En que consistirá a análise xeoquímica que se levará a cabo?

Faranse análises xeoquímicas e petrográficas das inclusións presentes nunha selección de artefactos en cuarzos dos niveis do Paleolítico medio e superior de Cova Eirós, para comparar cunha mostra de filóns da contorna. As técnicas que se aplicarán serán a microtermometría, a espectrometría Raman e a LA-ICP-MS, focalizadas en caracterizar xeo-quimicamente as inclusións e fluídos dos cuarzos.

Cando terá lugar a mesma e con cantos profesionais contará?

Todo este traballo farase ó longo de 2023 coa colaboración da profesora M. Ch. Boiron de Laboratoire GeoRessources da Université de Lorraine -CNRS, en Francia. É unha proba piloto e se dá bos resultados, intentaremos extrapolalo a outros niveis e xacementos.

Cal é a súa opinión acerca da Cova Eirós como experto no tema?

Cova Eirós é un xacemento excepcional para o estudo do Paleolítico galego e do norte peninsular. Ten unha secuencia continua que ocupa os últimos 45.000 anos. Entre outras cousas, axúdanos a entender o proceso de extinción dos últimos neandertais e a expansión dos primeiros grupos de Homo Sapiens (a nosa especie), que chegaron a Europa occidental.

Fálenos das peculiaridades que presenta esta cova

Dende o punto de vista arqueolóxico, Cova Eirós é un xacemento de referencia por dous aspectos singulares. O primeiro é o que comentei anteriormente, ofrece moita información sobre un proceso moi importante na evolución humana, como é a extinción dos neandertais. Que clima facía, como vivían estes últimos grupos de neandertais e que os diferenciaba dos Homo Sapiens que os substituíron despois.

En segundo lugar, é a primeira cova en Galicia con arte rupestre. Esto permítenos coñecer máis sobre o mundo simbólico e ritual dos cazadores de hai 10.000 anos. Ademais, polos seus paralelismos estilísticos podemos saber que compartían uns mesmos conceptos artísticos e seguramente simbólicos, con outros grupos do Norte de Portugal, a Meseta e a Cornixa cantábrica. Que o seu territorio cultural era máis amplo.

Pero ademais, é que Cova Eirós ofreceu achados sobre outros períodos da Prehistoria e historia do interior galego dos que se tiña pouca constancia, como as cerámicas das primeiras sociedades agropastoriles, enterramentos da fin do Neolítico, evidencias de crise en época romana, evidencias da constitución da paisaxe rural tradicional galego. Aporta moita información.

Que significa o apoio que recibirán por parte da Fundación Palarq como respaldo na investigación?

A axuda da Fundación Palarq é fundamental para desenvolver este estudo dos cuarzos. É algo novo e, en certa medida, arriscado, pero por iso destaca o apoio da Fundación Palarq. Ademais, é unha Fundación cun enorme prestixio no patrocinio de escavacións en España e no estranxeiro, polo que tamén é un recoñecemento á importancia de Cova Eirós.

A parte deste estudio, hai outros previstos a medio/longo prazo na Cova Eirós?

Os traballos en Cova Eirós enmárcanse nun proxecto de investigación do Ministerio de Ciencia e co apoio da Consellería de Cultura da Xunta. Ten diferentes liñas de investigación levadas a cabo por investigadores post e predoctorais da USC e IPHES xunto con colegas doutras universidades e que se relacionan co estudio dos restos de fauna, as manifestacións rupestres, a estacionalidade das ocupacións, as materias primas, o valor do xacemento dentro da comunidade, as ocupacións de época medieval… A parte divulgativa e de traslado á sociedade dos achados é tamén outra das esferas importantes do proxecto, que se leva a cabo a través de cursos e conferencias.