Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Xaquín de Roca, crego, enfermeiro e ganduxador de vidas (I)

Por 14 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Xaquín Campo Freire, tamén coñecido como “Xaquín de Roca”, bo home e mellor crego, naceu en plena guerra incivil, o 20 de maio de 1937, na aldea do Alto de Roca, unha parroquia pertencente daquela ao concello de Trasparga e hoxe ao concello de Guitiriz.

Dicía eu no merecido libro “Ganduxando vidas”, que lle dedicamos as amigas e amigos o 10 de xuño de 2017, cando cumpriu os oitenta anos de idade, que tiven a sorte de coñecelo no Festival de Pardiñas, cando estaba el con outro gran crego, Bernardo García Cendán, e presentoume a ambos o amigo común, Xaime souto, emigrante tamén en Euskal Herria, co que tantas loitas culturais e sindicais teño compartido. A partir de aí fómonos atopando todos os anos nese Festival e noutros actos culturais, escribíndonos e partillando os nosos artigos ata conformar esta amizade que hoxe nos une.

Orfo de nai, cando só tiña sete anos de idade, quedou con seu pai e outros tres irmáns, pois xa morrera outro irmán, xemelgo del, cando so contaban con un ano de idade. Cantos traballos pasarían estes nenos e cantas veces soñarían coa súa querida nai! Pero souberon afrontar a nova realidade e co cariño de seu pai e de súas tías saíron adiante. Tivo que ir coas vacas desde moi novo polos arredores da fonte que está ao lado da ermida do Santo Alberte, onde se celebraba a festa da Virxe da Pastoriza o primeiro domingo de agosto e foi quen nos rescatou da ignorancia, dicíndonos que Díaz Castro no seu poema Penélope referíase a esa festa e non á Pastoriza Lucense nin a da Coruña.

Tenme contado que nunha desas ocasións nas que andaba coas vacas, veo vir un toliño que perdera o xuízo pola barbarie daquela guerra irracional. Seica viña pola estrada cun saco baleiro ao lombo e un gadaño na man. O toliño seica lle puxo o gadaño ao pescozo e preguntoulle: E si tiro? Pero aquel neno soubo facerlle aflorar a sensibilidade humana dicíndolle: Pero vostede non vai tirar, porque vostede é moi bo. O toliño abrazouno, votouse a chorar e logo foi con el para a casa, onde lle deron comida e pousada.                       

Ademais dos traballos da casa, empezou na escola de Don Antonio Martínez Villar, quen compartía vivenda con eles e do que aínda está moi agradecido por todo o que lle ensinou e por darlle as leccións de lingua española comparativamete desde o galego, como moi poucos o facían daquela, …e incluso hoxe! Iso fixo que el sempre amara e defendera a fala coa que as nosas nais nos acariñaban no berce e sempre lle quedou gravado que cando tiña uns dez anos mandouno seu pai facer unha xestión a Lugo e, cando rematou, foise o despacho de billetes da “Empresa Ribadeo” a mercar un billete de volta a Roca e contestoulle o expendedor: “Muchacho, eso no existe en nuestra ruta y habla castellano que estás en la ciudad”, e deulle un billete para a seguinte parada. Agora di que sentiu na alma que alguén lle negara a existencia do sitio onde el nacera e que tamén fixera de menos a fala materna. Calou, pero doeulle moito; pois sabía “que a súa aldea existía, que temos unha fala de nós e que non é vergoña expresarnos nela, pois seus pais falaban así e non eran ningúns seres degradados”. Aquilo, di el, obrigoume a coller conciencia de quen era e de onde viña. Ensinoulle o camiño a seguir e a reafirmarse nos ganduxos que el recibira.       

Influíron moito nel as ensinanzas de Don Antonio, pero penso que o seu verdadeiro mestre espiritual foi Don Xesús Veres Díaz, parente del e tamén de Díaz Castro, que era crego da súa parroquia de Roca e da de Santa Cruz (onde foi nado), que lle ensinou a gramática e que probablemente foi quen o convenceu para ingresar no seminario.   

Xaquín é humilde coma un ganduxo1, un home que fai todo o ben que pode aos demais sen que ninguén lle recoñeza o mérito. É un verdadeiro cura que sabe, como Alfonso Blanco Torrado, que “cura” ven do verbo curar, e non só se conforman con curar as almas e o espírito, senón que tamén queren curar as enfermidades. De aí que a mediados dos anos setenta, el e outros curas obreiros da comarca de Ferrol Terra se puxeran a traballar, renunciando á paga de cura para vivir do seu traballo civil. Daquela non había médicos nin enfermeiros dabondo e el xa fixera ATS, polo que no 1978 déronlle praza en Lugo, onde votou un ano de aprendizaxe na UCI e Traumatoloxía. Despois, no 1979 trasladárono ao hospital de Ferrol, participando tamén no mundo sindical, defendendo os dereitos dos mais necesitados, pois el descubriu que detrás de cada miseria sempre hai persoas abusadas, porque Xaquín de Roca é un crego especial que loita polos temas sociais dos mais necesitados, polo noso idioma e pola nosa cultura.

1.- Costura provisional de puntadas longas antes da definitiva.