Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

Vilalba vivirá o Entroido cun desfile no que se repartirán 6.000 euros en premios

Por 31 Xaneiro, 2023Febreiro 1st, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba anuncia as bases de participación no Entroido 2023, que se celebra o martes 21 de febreiro incrementando o bote de premios ata preto dos 6.000 euros.

As persoas e comparsas participantes desfilarán pola vila a partir das 17.00 horas, con saída do Campo da Feira, cun recorrido que inclúe a Avda. Terra Chá, José María Chao Ledo, Rúa de Galicia ata a Praza da Constitución, onde, diante do Templete (onde estará situado o xurado e remata o percorrido) todos os participantes poderán facer unha pequena actuación se así o desexan.

Poden participar e optar aos premios, ademais dos particulares e parellas, calquera asociación ou entidade legalmente constituída, así como os “grupos ocasionais” que cumpran as condición establecidas nestas bases. Neste último caso, deberán nomear a un/unha representante debidamente autorizado/a para actuar en nome do grupo.

Os participantes deberán cumprimentar a autorización de dereitos de imaxe e entregalo no punto habilitado ata media hora antes do comezo do concurso, momento no que se pechará dito trámite obrigatorio para poder participar.

Non será necesaria a inscrición previa. Repartiranse un total de 5.710 euros en premios para os 1.º, 2.º e 3.º clasificados nas categorías de mellor comparsas Infantil e Xuvenil (de 0 a 14 anos) e para as mellores comparsas de Adultos (a partir de 15 anos) e Mixtas (adultos e nenos). Na categoría individual e por parellas, para Infantil e Xuvenil (0 a 14 anos) e Adultos (máis de 15 anos).

O premio de maior contía increméntase este ano ata os 1.000 euros para a mellor comparsa mixta. Haberá tamén premios para as comparsas máis orixinais e simpáticas (ambas con 200 euros).

O xurado valorará características como a orixinalidade, a confección dos disfraces, a posta en escena, a caracterización e as estruturas ou remolques.

A comisión avaliadora poderá outorgar ata tres accésits de 150€ cada un, e ademais os/as participantes levarán un vale para un petisco xunto a un detalle para os/as cativos, ata esgotar existencias.

Para resolver as dúbidas o Concello de Vilalba habilita o teléfono 982 510761 e o correo cultura@vilalba.es (Departamento de Cultura).

Para rematar o Entroido, o Concello de Vilalba volve a organizar ao día seguinte, o mércores 22, o Enterro da Sardiña. A cita será na praza da Constitución ás 20:00 horas co reparto tamén de café e chocolate con doce.