Skip to main content
Begonte

Clausuran este sábado o cincuentenario do belén de Begonte

Por 27 Xaneiro, 2023Xaneiro 28th, 2023Sin comentarios

O próximo sábado, 28 de xaneiro, ás cinco da tarde, no salón de actos do Centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, vaise celebrar o acto de clausura do Cincuentenario do Belén, no decurso do que se entregarán os premios dos catro certames culturais convocados con tal motivo, así como tamén tres títulos de Socios de Honra.

Ponse fin así a case dous meses de celebracións, desde o comezo do pasado mes de decembro, inauguradas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dos que se fará balance neste acto.

Recibirán os premios instituídos polo Centro Cultural: Antonio Calvo Varela, de Lugo (1º premio) e Juan Lorenzo Collado Gómez, de Abacete (2º), do Nacional de Poesía; Santiago Rodríguez López, de Bristol-U.K. (1º) e Pepe Pol (2º) do certame de Xornalismo, e Manuel Carballeira Rivas (Premio) e Santiago Lago Canzobre (Mención de Honra) do Certame Galego de arte que leva o nome do fundador do belén.

Na categoría de menores de dez anos os primeiros premios foron para Carla González Rivas, de 9 anos e do colexio O Cantel de Foz; Iria Parga Piñeiro, do Virxe Do Corpiño de Begonte e Xana Fraga Barcía (8 anos) tamén do Cantel.

Os segundos foron para Noa García González do Cantel, Andrea Pereira Lópe, do colexio Virxe do Corpiño de Begonte; Antonio Maseda Díaz, do Ceip Número 1 de Foz; Catalina Aguado Cobas, do Ceip O Cantel e Kenya Louçsas da Costa, do Número 1 de Foz. Todos teñen 9 anos agás Antonio, de 6, e Kenya, de 7.

Na categoría B, para os que teñen de 11 a 15 anos os primeiros premios foron para Alba Torres López, de 14 anos, que estuda no IES Vilar Ponte de Viveiro; Emma Pedreira Bouza, de 13 e alumna do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e Miguel Fra Baltar, de 15 anos e do IES Illa De Sarón de Xove.

Os segundos premios foron para María Paz Ares, de 14 anos e do IES Vilar Ponte de Viveiro; Carlota Rodríguez Sánchez, tamén de 14 anos e alumna do mesmpo centro; Yeray Fontela Díaz con 11 anos e alumno do Colexio Virxe do Corpiño de Begonte; Sara López Cora que con 15 anos estuda no IES Vilar Ponte de Viveiro e Nerea Fraga Pértega, con 13 anos e alumna no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.

Socios de honra

Serán enteregados, así mesmo, tres títulos de socios de Honra do Belén a José Antonio Abelleira, O Alemán, a título póstumo; Carlos Torres Lamas, e José Ulla Rocha, alcalde de Begonte.

Os asistentes poderán contemplar xa o mural confeccionado por Diego As, traballo que se viu retrasado polos recentes temporais en Begonte, que o artista rematou o pasado mércores. O mural, que ocupa o lateral dun edificio á beira da estrada Nacional VI, vén ser unha homenaxe do artista ao seu avó, que de neno o levaba ver o belén, e unha especial difusión desta realidade cincuentenaria que convirte á capital do concello en Begonte do Belén, desde o ano 1972.