Skip to main content
Begonte

Pecha o belén de Begonte con máis de 40.000 visitantes

Por 29 Xaneiro, 2023Xaneiro 30th, 2023Sin comentarios

Begonte acolleu este sábado o acto de clausura do Cincuentenario do belén, que se celebrou no salón de actos do Centro cultural José Domínguez Guizán, no decurso do que se entregaron os premios dos catro certames culturais convocados con tal motivo, así como tamén tres títulos de Socios de Honra.

Ponse fin así a case dous meses de celebracións, desde o comezo do pasado mes de decembro, inauguradas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O belén de Begonte ten superados amplamente os 40.000 visitantes desde a súa apertura, rebasando as cifras pre-pandemia. A estas visitas físicas ao Belén na súa sede de Begonte únense as máis de 35.000 visitas virtuais das que 4.756 foron a través de Youtube, sendo 316 as visitas ao Belén 360º, 2060 ao belén virtual en galego, 2204 en castelán e 170 en inglés.

Os días de apertura no mes de xaneiro tiveron un promedio de 750 visitantes diarios, aos que hai que sumar as numerosas visitas colectivas (máis de trinta), entre as que hai que destacar as de colexios, centros da terceira idade, entidades culturais e sociais e o grupo de usuarios de Aspnais que visitaron o belén e o seu museo, contemplaron o traballo do artista Diego As, e foron recibidos polo alcalde José Ulla diante da casa do Concello.

A estas visitas hai que sumar as que recibiron as catro exposicións do Belén (50 anos do belén de Begonte, Imaxes e palabras no belén, Mostra bibliográfica de medio século, e obras presentadas ao Certame Galego de Arte) na Biblioteca Provincial de Lugo, Delegación Territorial da Xunta en Lugo, casa da cultura de Begonte e Feira do Nadal en Begonte.

“Desde o belén queremos agradecer aos medios informativos a excepcional atención que dispensaron ás nosas actividades, e aos milleiros de visitantes e simpatizantes que nos fan chegar a súa admiración por manter vivo este labor de medio século, e de ánimo para o futuro”, dixeron na clausua.

PREMIOS

Recibiron os premios instituídos polo Centro Cultural: Antonio Calvo Varela, de Lugo (1º premio) e Juan Lorenzo Collado Gómez, de Abacete (2º), do Nacional de Poesía; Santiago Rodríguez López, de Bristol-U.K. (1º) e Pepe Pol (2º) do certame de Xornalismo, e Manuel Carballeira Rivas (Premio) e Santiago Lago Canzobre (Mención de Honra) do Certame Galego de arte que leva o nome do fundador do belén.

Na categoría de menores de dez anos os primeiros premios foron para Carla González Rivas, de 9 anos e do colexio O Cantel de Foz; Iria Parga Piñeiro, do Virxe Do Corpiño de Begonte e Xana Fraga Barcía (8 anos) tamén do Cantel.

Os segundos foron para Noa García González do Cantel, Andrea Pereira Lópe, do colexio Virxe do Corpiño de Begonte; Antonio Maseda Díaz, do Ceip Número 1 de Foz; Catalina Aguado Cobas, do Ceip O Cantel e Kenya Louçsas da Costa, do Número 1 de Foz. Todos teñen 9 anos agás Antonio, de 6, e Kenya, de 7.

Na categoría B, para os que teñen de 11 a 15 anos os primeiros premios foron para Alba Torres López, de 14 anos, que estuda no IES Vilar Ponte de Viveiro; Emma Pedreira Bouza, de 13 e alumna do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e Miguel Fra Baltar, de 15 anos e do IES Illa De Sarón de Xove.

Os segundos premios foron para María Paz Ares, de 14 anos e do IES Vilar Ponte de Viveiro; Carlota Rodríguez Sánchez, tamén de 14 anos e alumna do mesmpo centro; Yeray Fontela Díaz con 11 anos e alumno do Colexio Virxe do Corpiño de Begonte; Sara López Cora que con 15 anos estuda no IES Vilar Ponte de Viveiro e Nerea Fraga Pértega, con 13 anos e alumna no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.

Socios de honra

Serán enteregados, así mesmo, tres títulos de socios de Honra do Belén a José Antonio Abelleira, O Alemán, a título póstumo; Carlos Torres Lamas, e José Ulla Rocha, alcalde de Begonte.

Os asistentes poderán contemplar xa o mural confeccionado por Diego As, traballo que se viu retrasado polos recentes temporais en Begonte, que o artista rematou o pasado mércores. O mural, que ocupa o lateral dun edificio á beira da estrada Nacional VI, vén ser unha homenaxe do artista ao seu avó, que de neno o levaba ver o belén, e unha especial difusión desta realidade cincuentenaria que convirte á capital do concello en Begonte do Belén, desde o ano 1972.