Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXA

Castro de Rei remata as obras de mellora enerxética da EDAR

Por 19 Xaneiro, 2023Xaneiro 23rd, 2023Sin comentarios

Os traballos realizados na planta, situada en Castro Ribeiras de Lea, permitiron duplicar a capacidade da planta, pasando de 350 a 750 m3 diarios, ofrecendo servizo a unha poboación de máis de 3.000 persoas.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, exemplificou hoxe no Concello de Castro de Rei a pegada que está a ter o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno nos pequenos municipios. “Castro de Rei é un claro exemplo de como o Goberno leva a todos os recunchos da provincia o Plan de Recuperación, impulsando a mellora de infraestruturas naqueles concellos do reto demográfico e transformando a vida no medio rural”, salientou.

Isabel Rodríguez desprazouse esta mañá ata Castro de Rei para comprobar o resultado das obras de ampliación e mellora da eficiencia enerxética da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do municipio, que contaron cun investimento de 792.000 euros por parte do Estado. A subdelegada, xunto ao alcalde, Francisco Balado, explicou que esta axuda concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico forma parte do programa DUS 5000, dirixido a proxectos locais de enerxía limpa e aforro enerxético en municipios de menos de 5.000 habitantes, cubrindo o 80% do total da actuación, “significa unha achega fundamental para que Concellos como o de Castro de Rei poidan afrontar unha obra tan importante”, resaltou.

“As melloras na depuradora de Castro de Rei enmárcanse no sólido compromiso do Goberno Central co municipalismo e co reto demográfico, orientadas a loitar contra o despoboamento, pois esta renovada infraestrutura posibilita o crecemento da poboación no municipio, xa que coa anterior capacidade da estación depuradora o Concello non podía conceder licenzas de obras a novas vivendas”, destacou Isabel Rodríguez.

A subdelegada supervisou os traballos realizados na EDAR, situada en Castro de Ribeiras de Lea, que permitiron duplicar a capacidade da planta, pasando de 350 a 750 m3 diarios. As actuacións realizadas centráronse na reforma, transformación e modernización dos diferentes elementos que compoñen a planta de tratamento de augas residuais. Concretamente, instalouse un xerador de corrente no tanque anaerobio, dotouse de contactores biolóxicos rotativos e a adaptouse o pozo de bombeo para a recirculación de auga nitrificada, entre outros traballos.

“Dende o Goberno cumprimos cos veciños e veciñas de Castro de Rei que demandaban, dende hai moito tempo, melloras na EDAR para adecuar a capacidade de tratamento da depuradora ás necesidades reais do municipio e poñer fin á problemática derivada do excesivo volume de augas residuais en rede e da súa carga contaminante”, manifestou Isabel Rodríguez.

Estes traballos contribuirán a mellorar a eficacia das plantas da depuradora, evitando vertidos ao río Lea, dando servizo a unha poboación de máis de 3.000 persoas do casco urbano de Castro Ribeiras de Lea, “acadando un municipio máis sostible e con mellores estándares de calidade medioambiental”, apuntou a subdelegada. Nesta liña, puxo en valor as políticas que está a impulsar o Executivo Central en materia de transición enerxética que permiten ao Concello de Castro de Rei reducir o consumo de enerxía eléctrica da EDAR en máis de 12.000kWh ao ano, o que supón un gran aforro enerxético e económico para as arcas municipais.

“Imos seguir traballando nesta liña para que os fondos europeos sigan chegando a todos os municipios da provincia de Lugo e, deste xeito, os Concellos poidan impulsar actuacións sostibles que axuden a fixar poboación e que melloren a calidade de vida dos seus veciños e veciñas”, concluíu a subdelegada.