Un ano máis membros do colectivo filloeiro de Muimenta estarán presentes na nova edición da Festa da Filloa da Pedra de A Baña, que se celebrará o vindeiro sábado 11 de febreiro. A comisión organizadora da Festa da Filloa de Muimenta recibiu de novo esta invitación a sumarse aos festexos, onde ademais, o coordinador da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez, innaugurará dita celebración xunto ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso.
O programa que se levará a cabo nesa tarde, terá música, no que sobresale a Foliada Filloeira, e a propia innuguración da XIX Festa da Filloa. Pola súa parte, a xornada do domingo, terá lugar, ás 13:00 horas a lectura do pregón. En ambas xornadas, sempre estarán presentes as Filloas.
A primeira edición da Festa da Filloa da Baña celebrouse o 21/03/2004, onde xa se utilizaron as pedras de granito. No ano 2007 constituiuse a Asociación Filloas da Pedra, que actualmente conta con 25 socios e máis de cincuenta colaboradores. Habitualmente, celébrase o segundo fin de semana de marzo, anque este ano tivo que adiantar a súa celebración.
Acudirase ao Concello de A Baña, con carteis promocionais da Festa da Filloa de Muimenta.
Posteriormente, o domingo 19 de febreiro, durante toda a xornada, unha representación das filloeiras de Muimenta, acudirán á XXXVII edición da Festa da Filloa de Sada, que se celebra conxuntamente co Entroido deste concello coruñés.
A XXXII edición da Festa de Filloa de Muimenta – Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrarase o vindeiro primeiro de maio.
