Skip to main content
Comarca SARRIAXAFriolFriol TERRACHÁXA

Friol alberguerá o Polo de Emprendemento para 26 concellos do centro da provincia

Por 17 Xaneiro, 2023Xaneiro 18th, 2023Sin comentarios

O Concello de Friol anunciou o plan de ser a sede do Polo de Emprendemento da Área Central da provincia de Lugo, que se situará na primeira planta do Centro Sociocultural.

Este Polo de Emprendemento e apoio estará xestionado inicialmente por tres profesionais, dous con perfil técnico e outro posto será ocupado por un perfil de carácter administrativo. Contará con toda a primeira planta do Edificio sociocultural de Friol, un espazo de traballo que ronda os 250 m2 no que se instalarán as oficinas, salas de reunións, así como aulas de formación e asesoramento, ao cal desde a Consellería se destinan 120.000€ para as obras, mobiliario, así como para todos os equipos informáticos e técnicos necesarios para poñer en funcionamento este Polo.

Desde Friol, con este Polo darase cobertura a 26 municipios da área centro da provincia, entre os que se atopan o propio Friol, Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Xermade, Begonte, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba, Castroverde, O Corgo, Guntín, Outeiro de Rei, Rábade, Triacastela, O Incio, Samos, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, Sarria, Láncara e ata o propio municipio de Lugo.

Desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estiman que o Polo de Friol estea en funcionamento a primeiros do mes de abril, un Polo de Emprendemento que se pretende dinamizar e captar proxectos, ofrecendo servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado para cada territorio, espazos de traballo temporal e networking, así como tamén a captación de investimento e financiamento, orientación, asesoramento e recursos físicos. Os interesados e promotores de proxectos de diferente índole, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.

APOSTA POR FRIOL

A Xunta de Galicia aposta por este mecanismo para fomentar con decisión a iniciativa empresarial para dinamizar o mercado de traballo e fixar emprego, atendendo ás demandas dos diferentes territorios.

Cando remate este ano, Galicia disporá de doce polos en funcionamento, contando os cinco que xa están funcionando e os sete que se van poñer en marcha en este primeiro trimestre do ano. Para poñer en marcha estes últimos, e para o impulso de axudas ás iniciativas xurdidas nos mesmos, a Xunta destinará 9,2 millóns de euros en este 2023.

Esta Rede de polos converterase nunha plataforma eficaz de dinamismo laboral, ademais de contribuír a asentar poboación e establecer sinerxías entre o rural e o urbano co obxectivo último de crear mais emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento que permitan fixar emprego e á vez poboación.

O polo que se implantará en Friol estará en contacto directo cos concellos que forman parte do mesmo, e tamén buscará enlazarse cos grupos de desenvolvemento asentados no territorio, polo que o contacto directo será continuo para potenciar o traballo de todas as entidades públicas, o que repercutirá nunha mellor xestión para que as persoas que queiran emprender, poidan estar acompañados en todo momento por persoal técnico especializado que facilitará os trámites e xestións para lograr implantar as súas empresas en calquera dos municipios mencionados anteriormente.

O alcalde de Friol, Jose Á. Santos, quere “agradecer a sensibilidade da Xunta de Galicia para crear tecido empresarial e o fomento de emprego, e particularmente a implicación e o esforzo económico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para lograr asentar estes polos que se están expandindo por toda a Comunidade Galega, co fin de xerar riqueza polo territorio galego”.

Santos, tamén quixo agradecer á Conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, “que se decantara por elixir Friol para albergar a sede deste Polo de Emprendemento, conseguindo así que o municipio de Friol se converta no epicentro da formación, innovación e no punto cero para a creación de novos proxectos”.

“Con este mecanismo que disporá das ferramentas axeitadas conseguiremos os obxectivos marcados que non son outros que o asentamento de tecido empresarial , crear postos de traballo e favoreceremos o asentamento de poboación, algo moi necesario para o impulso e a promoción do noso rural galego”, resalta o rexedor.