Skip to main content
Guitiriz

“Puidemos facer actuacións que melloraron a vida da veciñanza”

Por 22 Xaneiro, 2023Xaneiro 23rd, 2023Sin comentarios

Marisol Morandeira está a completar a primeira lexislatura como alcaldesa de Guitiriz.

Pode facernos un balance desta lexislatura?

Nunca esquecerei estes catro anos. Vivín a miña primeira lexislatura nun contexto excepcional, coa acción de goberno totalmente marcada pola pandemia. A pesar diso, fago un balance positivo, porque puidemos levar a cabo actuacións que melloraron o día a día dos nosos veciños e veciñas, nos últimos meses estamos retomando moitos deses proxectos que tivemos que aparcar e, ademais, logramos aprobar, dunha vez por todas, o Plan Xeral de Guitiriz, que levaba en trámite desde o ano 2004 e que, agora que está en vigor, teremos que ir actualizando pouco a pouco xa que as expectativas dun municipio de hai 16 anos non son as mesmas que as actuais, non pode ser que estes procesos sexan tan longos. Pedímoslle á Xunta que, polo menos, as modificacións que vamos a facer sexan máis áxiles.

De que proxecto está máis orgullosa?

É complicado escoller un só pero diría que o logro máis importante foi o de dar solución aos problemas na auga da traída que viña arrastrando Guitiriz. O problema alcanzou tal punto que, cando chegamos no ano 2019, vímonos obrigados a prohibir o consumo durante unha época, condonando un trimestre o pago das facturas da auga aos veciños xa que non podían facer uso dela. Fíxemos un gran esforzo para solucionalo e executando unha serie de actuacións, como a modernización da ETAP, a construción do bypass, a modificación dos filtros de ferro, o baleirado do pantano ou o constante control da calidade da auga, conseguimos que, nos anos 2020, 2021 e 2022, a auga fose sempre apta para o consumo e de calidade.

Cómpre falar da residencia de maiores. En que punto está agora?

No día de Reis, o pasado 6 de xaneiro, rematou o prazo para que a empresa adxudicataria das obras depositase o aval. Se todo vai ben, a Deputación de Lugo adxudicará a obra, farase a acta de replanteo e comezará a obra. O que nos trasladan desde a Deputación é que en marzo ten que estar comezada a obra. Agradecemos que a administración provincial mantivese o seu compromiso de seguir adiante con esta actuación e desde o Concello estaremos vixiantes para que os prazos marcados se cumpran para, dunha vez por todas, contar coa residencia de maiores.

“Un logro importante foi o de dar solución aos problemas da traída que viña arrastrando Guitiriz”

Tamén se pelexou moito pola ampliación do PAI?

Moitísimo, é un proxecto esencial para nós. A Xunta de Galicia comprometérase con nós, xa antes da pandemia, a colaborar economicamente pero ese compromiso aínda non se concretou en feitos, a pesar de que seguimos insistindo en moitas ocasións. Ante esta falta de interese, decidimos actuar pola nosa conta e, facendo uso dunha axuda que nos concederon a través dos fondos europeos do Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia, vamos nós a acometer a ampliación porque consideramos que non pode agardar máis, xa que seguimos a ter nenos e nenas en lista de agarda. O importe aínda non é suficiente pero é un punto de partida que ata o de agora non tíñamos. De todas formas, neste mes volveremos a solicitar unha xuntanza coa Consellería de Política Social para que cumpran co compromiso que fixeron en outubro do 2019 e para que se fagan cargo das súas competencias. Se eles non colaboran, o importe restante da obra asumiraa o Concello como sexa para conseguir levala a cabo antes de que comece o próximo curso.

Si se fixo a do Centro de Día.

De feito xa comezaron a acudir os usuarios e usuarias que estaban na lista de agarda. Esta ampliación, que se fixo con fondos propios e a través dun convenio coa Deputación, permite que xa non teñamos lista de agarda. Agora mesmo ampliaremos a 20 usuarios pero pode chegar ata 26 prazas se fose necesario.

E se seguimos falando dos maiores, que proxectos hai para o SAF?

Acabar de facer todos os procesos de consolidación do persoal, que aínda queda pendente unha parte, intentar conseguir que os dependentes de grado 3 non teñan lista de agarda e conseguir dar servizo o maior número de horas. Quero resaltar que este servizo, que é esencial, supón un esforzo e unha carga económica moi importante para os concellos xa que a Xunta paga a hora do SAF a 12 euros pero o custe real supera os 16 euros e esa diferencia témola que asumir desde a administración local. Ademais, moitas veces non temos persoal para cubrir os postos de traballo, cada vez é máis difícil conseguir traballadores.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Temos pendentes varias actuacións en Lagostelle, como a senda peonil en Manuel María ou a dos Sete Muíños que acometerá a Deputación. Tamén temos que acabar de darlle forma ao proxecto que iniciamos para converter a nave do Senpa nun espazo cultural e deportivo. Trala pista de pádel, que vamos a complementar con outras actividades no interior, agora vamos a facer, no exterior, un circuíto de pumptrack. Por outra banda, para continuar facendo máis eficiente a nosa xestión dos residuos, vamos a crear un punto limpo e a rematar de desmantelar os puntos de recollida de plásticos que quedan no municipio para dirixirnos cara un modelo de recollida nas propias explotacións.

“Ante as previsións de que o balneario retome a súa actividade durante o primeiro semestre deste ano 2023, queremos consolidarnos como un destino turístico sostible”

As escolas deportivas teñen un amplo percorrido. Hai intención de ir ampliando ou cambiando?

Todos os anos se fan pequenas modificacións. Para este curso, por exemplo, incluíuse o pádel entre a oferta de actividades. Temos moito alumnado e intentamos adaptarnos ás necesidades que eles presentan.

Hai tamén un importante tecido de actividade cultural. Como se xestiona isto?

A actividade cultural nunca se detivo en Guitiriz. Sempre intentamos mantela, incluso nos tempos de maiores restricións, seguindo as recomendacións. Ademais das exposicións que se levan a cabo na Casa Habanera, das festas da Torta de Millo ou a dos Callos de Parga, e de todas as actividades culturais e educativas que se levan a cabo ao longo do ano agora contamos cun Aula Cemit e un Aula Mentor, que nos permiten reforzar a nosa oferta, que tamén se complementa coa das asociacións do municipio, coas que sempre colaboramos tamén para que poidan levar a cabo a súa actividade propia.

Así mesmo, hai un gran número de axuda, bolsas escolares, etc…

Desde que chegamos ao goberno sacamos todos os anos bolsas de axudas para chegar aos estudantes que non tiñan acceso ás do Ministerio de Educación. Repartíronse uns 60.000 euros de axudas a estudantes, algo que vamos a seguir mantendo porque nos parece moi importante. No caso do comercio, durante a pandemia, repartimos máis de 120.000 euros en axudas directas ao comercio e aos autónomos que tiveron que cancelar a súa actividade.

Que outras necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Sería ideal poder contar cun auditorio ou un edificio de usos múltiples xa que, gran parte da actividade cultural que se desenvolve no concello ten como punto de referencia a Casa Habanera, un edificio histórico e fermoso pero que ten limitacións de espazo e de uso. Ademais, vexo como unha gran necesidade a de poder contar cunha ordenanza de ornato. En Guitiriz e Parga temos moitas casas abandonadas e, entre todos, temos que buscar un modelo que sexa máis áxil e que nos permita conseguir que estas vivendas non supoñan un problema de seguridade e presenten un mellor aspecto, acorde co noso patrimonio e a contorna. Por citar outras necesidades, tamén pedimos que se retome a actividade habitual no consultorio de Parga, que melloren as conexións, tanto por estrada como por tren, que se lle dea unha solución á problemática dos pasos a nivel en Parga e que, ao longo deste ano, tal e como está previsto, finalice o proceso de extensión da banda ancha en todo o municipio.

E de cara xa a o futuro, cales son as principais proxeccións?

Ante as previsións de que o balneario retome a súa actividade durante o primeiro semestre deste ano 2023, queremos consolidarnos como un destino turístico sostible. Que a xente veña a coñecernos, desfruten das nosas rutas e da nosa paisaxe e patrimonio.

Cales serían as características e a definición deste concello?

Non nos podemos definir como un concello industrial pero si temos que ser un destino turístico de referencia, aproveitando as augas termais e potenciando e poñendo en valor a nosa riqueza natural.

E a nivel industrial, cales son os plans?

Intentar manter todas as empresas que desenvolven a súa actividade no municipio e conseguir que se instale algunha máis, tendo claras as limitacións que teñen os concellos neste sentido pero apostando forte por xerar novos empregos dentro das nosas posibilidades. Por exemplo, mellorando o parque empresarial para facelo máis atractivos de cara a novas empresas.