Skip to main content
Guitiriz

Manuel de Lea recibiu o premio Trapeiro de Honra

Por 29 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O familiares de Manuel Fernandez Corral (Manuel de Lea) recibir o premio Trapeiro de Honra na súa oitava edición, que concede o colectivo Os Vilares Lareira de soños e que foi este ano a título póstumo. O acto de entrega tivo lugar na capela ao pé da feira de Momán, un lugar preto da súa casa, onde foi entregada a peza exclusiva elaborada pola artista Viki Rivadulla.

Nado no lugar de Lea nos Vilares, Manuel foi unha das persoas máis queridas e respeitada tanto na súa parroquias de nacemento como na de residencia, Momán, no concello de Xermade.

Labrego, zoqueiro e comerciante, foi un dos principais informantes de Pastora Veres para o seu libro Lareira de soños debido á súa prodixiosa memoria e sabedoría da contorna.

No acto participaron o alcalde de Xermade Roberto García; a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a escritora Pastora Veres, o crego de Momán Luis Rodríguez Patiño e a música e poesía de poetas da NPG Nova Poesía Guitirica.

“Manuel de Lea representa a unha xeración de homes que sofreron a guerra, a posguerra, a emigración nas súas famílias e outros traballos para sacar adiante a súa tribo, e no seu caso queda do viúvo con un grande número de fillos.  Home afable e agarimoso, sentimos unha grande mágoa por non poder entregarlle o premio en vida, aínda  que queremos trasladar a quenes o trataron a nosa sentida homenaxe. Manuel representa a unha xeración de homes do rural que loitaron por sacar adiante ás súas familias En tempos moi duros e simboliza a essa heróis silenciosos cuxa maior satisfacción foi sempre ver felices a quenes o rodearon, família e xentes coas que compartou un tempo da súa longa vida”, recalcaron no acto.

RECOÑECEMENTO

A escritora Pastora Veres dedicou unhas verbas ao homenaxeado:

“ E ti es logo da Casa de Vicentiño?, pois a min gustabanme ben as túas tías Aurea e Sara”

Así era Manuel Fernández Corral o fillo de Cándida e Juan de Lea. Un señor no sentido máis amplo, un bo home con naturalidade e gracia que lle facían conservar ese espirito xovial e pícaro do neno de Lea de Baixo.

Cando o coñecín decateime que tiña diante de min un tesouro pola memoria que conservaba e a profundidade da súa palabra. Informou para Lareira de Soños da súa vida pero tamén da vida da parroquia, Os Vilares, que sempre levaba na conversa e no corazón.

Moito me falou dos seus irmáns, Francisca, José, Perfecto e Aurea e tamén dos seis que morreran de nenos, de como os coidaba e lle acendía cascas de bidueiro que coma fachos servían para entreter a súa irmá Aurea mentres a abaneaba no berce.

Das loitas coa súa avoa Luisa e dos seus pais. Díxome o máis fermoso que se pode dicir dunha nai: “A miña mamá tiña as mans de prata”.

Faloume das mozas, da festa da Pascua, da escola de D.Agapito e D.Andrés na Conchada. Tamén tiña moi presente aos veciños, sobre todo, aos da Casa de Camuza, a Nicolás o seu amigo da alma que finou recentemente aló en Arxentina.

Con eles e outros vaise a xeración que preservou a memoria viva da parroquia de todo o século XX, cando ocorreron sucesos tan trascendentais como unha guerra civil, a emigración masiva ou a chegada da modernización.

Pero se algo me impactou da súa vida foi ver esa foto que sae no libro ‘Lareira de Soños’, na que se ve a Manuel xa viúvo cos seus oito fillos, todos ben noviños.

Non me cabe ningunha dúbida o gran pai que foi e o amor que vin nos seus ollos cando falaba das súas fillas, fillos, netas e netos. Coñecinos a todos pero especialmente a Lupe quen o coidou ata o final coas mesmas máns de prata da súa avoa Cándida de Lea.

Gústame ver nesa foto a Lupe pequeniña coma unha faba e plantada diante de todos, espelida e dicindo co seu corpo: “ Non vos preocupedes que aqui estou eu”.

Son unha gran familia, todos eles con fillos e netos, unidos hoxe aqui para honrar a memoria de Manuel de Lea e dalgún modo tamén a de todas e todos os vilaregos que como persoas fundidas coa terra e na terra sairon adiante cunha vida de traballo e loita superando calamidades e transmitíndonos aos que vimos detrás a forza necesaria para enfrontar a vida.

Moitas grazas e viva o espírito trapeiro!!