Skip to main content
Muras

Requeijo explica a política enerxética de Muras nunhas xornadas da UDC

Por 30 Xaneiro, 2023Xaneiro 31st, 2023Sin comentarios

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo,  foi un dos convidados a participar na xornada As políticas enerxéticas das entidades locais: novos escenarios, organizadas pola Cátedra de Dereito Local, celebrada no salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC).

A sesión foi inaugurada polo decano da facultade, Xulio Ferreiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso xunto ao director da Cátedra, Carlos Amoedo.

Ante un aumento no protagonismo local neste eido, o rexedor narrou a experiencia pioneira que protagoniza este concello e que levou a unha notable redución da factura eléctrica para veciñas e veciños.

Na sesión da tarde e na mesa redonda que deu comezo ás 16:00, Manuel Requeijo estivo acompañado por Cristina Castells, directora da Agencia de Energia de Barcelona; Ana Marcos, presidenta do primeiro consello reitor de Som Energía e funcionaria do Servicio Provincial de Industria de Zaragoza; e Mario Sánchez-Herrero, membro da cooperativa Ecooo (Madrid).

Os catro convidados falaron das experiencias locais de produción e comercialización de enerxía eléctrica nun contexto onde a subministración asequible nos fogares (e nas empresas e industrias) constitúe unha necesidade máis perentoria ca nunca. “De feito estamos ante un dos maiores retos dos Estados europeos, especialmente tras a crise aberta en febreiro do 2022 coa invasión rusa da Ucraína. As estimacións da Axencia Internacional da Enerxía apuntan a que, no 2040, a electricidade será a forma final de enerxía que vai experimentar máis medre, polo que na xornada abriuse o debate sobre o papel que poden desempeñar as entidades locais no atendimento desta necesidade”, dixo.

“Se ben os concellos só teñen unha competencia específica sobre o servizo municipal de alumeado público, as posibles políticas públicas neste campo son cada vez maiores, e van alén dos textos legais clásicos do municipalismo. Desde o estímulo da eficiencia enerxética con ordenanzas locais, a contratación pública e a política fiscal, até a produción e a comercialización eléctrica, pasando polo impulso das comunidades enerxéticas, están sendo chamados a asumir un maior protagonismo neste campo. A equidade social e a transición enerxética demandan traballar en novas follas de ruta”, avanzou Requeixo.

Explicou o caso do concello de Muras. Con algo máis de 163 km cadrados e 636 habitantes, ten unha potencia eólica instalada de 485 MW repartidos en 15 parques eólicos e 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento. Estes parques, dende hai uns anos, permiten abaratar o recibo doméstico da luz —o 50 % do orzamento do Concello procede do vento—, pero teñen tamén un importante impacto económico, social, territorial e enerxético na vida dos veciños. Así o analiza o libro Enerxía eólica en Muras, editado recentemente polo Observatorio Eólico de Galicia e o propio Concello. Nel, un grupo de traballo da Universidade de Vigo recompilou toda a información existente sobre a dinámica eólica no noso concello e dá conta tamén do negocio que supón para as empresas que os xestionan.

“Por iso, coa chegada dun novo equipo de goberno en 2015, procurouse que os beneficios da enerxía eólica tamén redundasen nos veciños. Unha decisión política que tivo eco e repercusión en medios galegos e do resto do Estado, xa que non tiña precendentes que os impostos que xeneren os parques éolicos revertisen ao 100% na zona onde se ubican.  A decisión foi que os recursos fosen a subvencionar actuacións que mellorasen a calidade de vida xeito directo, polo que o concello decidiu subvencionar o recibo doméstico da luz cun tope de 600 euros anuais, en principio destinados ás persoas con rendas inferiores a 15.000 euros ao ano.  Pero cunha cantidade que vaise modificando en función das solicitudes da xente”, dixo.