Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

Pepe Mariño substitúe a Nadal á fronte do banco do CD As Pontes

Por 4 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A dirección deportiva do CD As Pontes vén de confirmar a contratación de Pepe Mariño como adestrador do primeiro equipo para o que resta de tempada.

“Mariño, que volta a casa logo da súa anterior etapa como xogador azul, de seguro aportará os seus coñecementos da casa para acadar o revulsivo deportivo necesario”, indican dende a directiva do club, que lle dá a benvida de novo e deséxalle “a mellor das sortes nas xornadas que restan”.

Pepe Mariño, nome co que se coñece no mundo do fútbol a José Mariño Nogueira, conta con 50 anos e é natural de Pontevedra. O adestrador procede do Club Atlético Cercedense, que milita na Segunda Autonómica coruñesa e conta con experiencia na Preferente Norte, onde dirixiu o Atlético Montañeros na tempada 2018/19.

O equipo das Pontes chegou á pausa do Nadal cun balance de 3 vitorias, 6 empates e 7 derrotas tras as 16 xornadas disputadas, para colocarse no posto 16 da táboa clasificatoria con 15 puntos, moi preto dos postos de descenso. Pepe Mariño chega con intención de cambiar estes resultados no que resta de tempada.

Mariño substitúe no banco pontés a Rafa Casanova que foi cesado antes do Nadal. Desde o club pontés comunicaron que “tras unha serie de resultados negativos, o club tomou a decisión de buscar no banco un revulsivo para tentar endereitar a situación deportiva actual”.

Rafa Casanova chegou ao CD As Pontes para dirixilo durante a tempada 2021-22 na que terminaron salvando a categoría no grupo.