Skip to main content
As PontesComarca TERRACHÁXA

Miñones anuncia dúas novas liñas de axudas para a concellos da zona de transición xusta

Por 5 Xaneiro, 2023Xaneiro 6th, 2023Sin comentarios

Lembra que o Ministerio dispón nas Pontes dunha Oficina de Transición Xusta para asesorar nesta e outras convocatorias.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou dúas novas convocatorias de axudas para impulsar proxectos empresariais nas zonas de transición xusta e que ofrecerán 50 millóns de euros a empresas e persoas emprendedoras. José Miñones animou aos interesados e interesadas a consultar as bases destas axudas, que xa saíron publicadas no BOE o pasado 16 de decembro, e preparar os proxectos ante a próxima apertura do prazo de solicitudes “que estimamos que se abrirá a principios deste 2023”, anunciou. E lembrou que o Goberno dispón nas Pontes dunha Oficina de Transición Xusta para asesorar na presentación das solicitudes.

Estas convocatorias dependen do Instituto para a Transición Xusta (ITJ), organismo autónomo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). José Miñones subliñou que estas convocatorias sumarán un novo impulso para os 19 concellos incluídos nas dúas zonas de Galicia afectadas polos procesos de peche de centrais térmicas: Zona de Meirama (concellos de Cerdeda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha) e Zona das Pontes (As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira, Muras e Ferrol).

Axudas para investimentos e emprego

O obxectivo destas liñas de axudas é promover iniciativas concretas de investimento empresarial nas zonas afectadas pola transición enerxética. Con elas búscase xerar actividades económicas alternativas que incentiven a creación de postos de traballo, así como manter os empregos existentes que impulsen un novo desenvolvemento económico nestes territorios.

As axudas outorgadas a través deste instrumento estarán baseadas en dous compoñentes: o investimento realizado e a creación de emprego. Así mesmo, bonificarase a contratación de persoas rexistradas nas bolsas de traballo do ITJ, co obxectivo de promover a creación de emprego prioritario para traballadores afectados polo peche de minas e centrais. Igualmente, bonificarase a creación de postos de traballo para mulleres, novas, maiores de 45 anos e persoas con discapacidade.

Haberá dúas liñas nesta primeira convocatoria: unha liña para proxectos empresariais (dotada con 40 millóns de euros), e outra para pequenos proxectos de investimento (con 10 millóns de euros).

Considéranse proxectos empresariais aqueles que requiren un investimento mínimo de 100.000 euros e crean polo menos tres postos de traballo. Pola súa banda, os pequenos proxectos de investimento deberán investir un mínimo de 30.000 euros e comprometerse a manter o emprego durante os tres anos seguintes ou crear polo menos un posto de traballo para as novas iniciativas.

Valoración de beneficios ambientais e sociais

Para a adxudicación das axudas valoraranse os beneficios ambientais e sociais dos proxectos, a súa capacidade de xeración de emprego, o seu efecto tractor sobre o territorio, a súa innovación e a súa localización en municipios afectados polo despoboamento, o reto demográfico e o peche de minas de carbón e centrais. As pequenas e medianas empresas tamén contarán con puntuación adicional.