Skip to main content
As Pontes

O Concello das Pontes realizou preto de 70 contratacións laborais no 2022

Por 7 Xaneiro, 2023Xaneiro 8th, 2023Sin comentarios

O Concello das Pontes realizou, durante o ano 2022, un total de 69 contratacións laborais, grazas á asignación de fondos propios como á concesión de diferentes subvencións procedentes da Deputación da Coruña e goberno autonómico.

Son 69 empregados e empregadas que chegaron, en diferentes épocas do ano, tanto para cubrir vacantes laborais temporais como para reforzar diferentes departamentos municipais tales como Obras e Servizos, Seguridade Cidadá, Benestar Social, Cultura e Emprego.

Ana Pena, concelleira de Recursos Humanos, remarca a importancia que para o municipio teñen estas contratacións laborais xa que “fixeron posible mellorar os servizos municipais básicos, tales como a limpeza ou o mantemento viario, atender a persoas en situación de dependencia no domicilio, mellorar a xestión administrativa interna do concello ao tempo que nos permitiu continuar promovendo a xeración de emprego na vila”.

Os novos empregados contratados durante este ano foron, 31 peóns de obras e limpeza que levaron a cabo traballos de interese xeral para o municipio e que foron contratados grazas á liña de axuda habilitada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Integración Laboral.

Tamén se levou a cabo, a través de aportacións municipais, a contratación de seis administrativos e un técnico da administración xeral, catro auxiliares de Policía Local, tres auxiliares de biblioteca, un docente para o Conservatorio Municipal de Música Profesional, dous conserxes para os edificios culturais así como 16 persoas para o servizo de axuda a domicilio, entre outros.

Por medio de diversas achegas, procedentes da Deputación da Coruña e do goberno autonómico tamén se incorporaron ao persoal do Concello unha axente de igualdade, unha traballadora social, unha educadora social así como unha directora para Plan Integrado de Emprego das Pontes.

7 NOVOS POLICÍAS LOCAIS EN 2023

O Concello das Pontes ten previsto continuar con esta liña de contratacións durante o este ano. Ana Pena apuntou que “en 2023 reforzarase o cadro de persoal con sete policías locais. Serán tres novas prazas de Policía Local, para as que xa se iniciou o expediente de contratación, ademais darase continuidade ás contratacións de catro auxiliares de policía, tal e como fixemos nos anos anteriores”.

Por outra banda a concelleira de Recursos Humanos adiantou que “continuaremos poñendo en marcha, ao igual que en anos anteriores, diferentes procesos de contratación, concorrendo ás diferentes liñas de axudas que, para tal fin, se poñan en marcha desde a Deputación da Coruña ou desde o goberno autonómico así como a través de fondos propios coa finalidade de reforzar os diferentes servizos que desde a administración local poñemos a disposición da veciñanza das Pontes”.