Skip to main content
As Pontes

O Pleno das Pontes aproba o plan de prevención de incendios forestais

Por 12 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade durante a sesión ordinaria celebrada onte, o primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais, cumprindo, deste xeito, coas obrigas legais vixentes establecidas pola lei 3/2007 de prevención contra os incendios forestais de Galicia.

O documento aprobado incorpora unha análise territorial e xeográfica dos 249 quilómetros cadrados do termo municipal atendendo a cuestións relacionadas co medio natural tales como a climatoloxía, a edafoloxía, a hidroloxía, a flora e fauna así como os espazos protexidos.

O Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais inclúe tamén unha análise do risco de incendios no concello, elaborado a partir dos datos subministrados pola Consellería de Medio Rural relativos ao período 2008-2020, para establecer unha serie de accións sobre o territorio municipal para organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente nas declaradas de alto risco e preveri así a propagación de incendios forestais.

Deste xeito, establécense redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas estratexicamente localizadas que posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, de infraestruturas, equipamentos socias, zonas edificadas e polígonos industriais e faixas terciarias localizadas en terreos forestais vinculadas a infraestruturas de uso público como camiños, vías, estradas de titularidade municipal, pistas forestais, faixas auxiliares de pistas o áreas cortalumes.

O Plan implica o tratamento destas áreas segundo un esquema de intervención baseado en modelos silvícolas existentes para garantir o control e eliminación total o parcial da biomasa forestal nestas zonas, mediante as técnicas axeitadas e deste xeito evitar os incendios forestais.

Desde o grupo de goberno apuntouse que “un dos grandes beneficios deste documento é a creación e delimitación das franxas de protección antiincendios en todos os núcleos de poboación do municipio e a inclusión de  todas as accións necesarias para defender ao concello contra o lume e para que non se repitan situacións como as que vivimos durante o mes de agosto de 2022 con máis de 140 hectáreas queimadas”.