Skip to main content
As Pontes

As Pontes constrúe unha área de autocaravanas na zona do lago

Por 25 Xaneiro, 2023Xaneiro 26th, 2023Sin comentarios

O Concello das Pontes constrúe, na contorna do Lago, unha área de autocaravanas. Unha actuación cun orzamento de 25.616 euros con cargo ao orzamento municipal que ten como obxectivo mellorar e maximizar o potencial turístico do municipio poñendo á disposición das persoas que visitan As Pontes novos servizos e infraestruturas.

Desde o Concello das Pontes apuntan que “o turismo en autocaravana está en continuo crecemento. Na actualidade dispoñemos dunha infraestrutura básica para autocaravanas na zona do centro urbano pero debido ao constante crecemento das persoas que se achegan a As Pontes en autocaravana, tanto para gozar do lago como do resto de zonas de interese do noso concello, xurde a necesidade de executar unha nova área de autocaravanas para dar servizo a este tipo de turismo”.

A nova área para autocaravanas, localizada na Rúa Blanco Amor, estará formada por unha plataforma, cun pavimento similar ao existente, onde se aparcarán a autocaravanas no momento de facer o autoservizo e incluirá novas conducións para o abastecemento de augas, con billas para lavado e para o subministro de auga potable para uso persoal.

Ademais, instalarase unha zona de baleirado para a vertedura de augas negras xeradas polos devanditos vehículos, conectada á rede de saneamento para a súa correcta evacuación á rede xeral.

As obras rematarán co pintado da distribución das prazas dedicadas ao aparcamento de autocaravanas, a sinalización da zona e instalación de paneis informativos sobre as normas de uso da área de autocaravanas.