Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Riotorto recupera en abril a Feira do Ferro tras tres anos sen celebrarse

Por 22 Xaneiro, 2023Xaneiro 23rd, 2023Sin comentarios

A XIV edición da Feira da Artesanía do Ferro volverá este ano celebrarse o 16 de abril tras tres anos sen festa por mór da pandemia.

Esta cita, que está organizada pola Asociación de Ferreiros e o Concello de Riotorto, convoca a XIV edición, que foi suspendida con case todo listo no ano 202o, cando no mes de marzo, se declarou o confinanmento.

Malia que a maior parte das celebracións se recuperaron en todos os concellos o ano pasado, en Riotorto decidiron esperar un ano máis por un gromo declarado nos meses nos que se convocaba a cita, despois do Nadal.

A organización do evento fará público o programa no mes de marzo pero espérase que novamente conte con demostracións en vivo de oficios, nas que haberá pirogravado, torneado de madeira, cestería, alfarería e cristal tallado ademais da artesanía do ferro e os obradoiros infantís.

Normalmente esta celebración conta tamén con outro tipo de espectáculos musicais e postos de comida durante todo o día no que é un dos días grandes de Riotorto.

TRADICIÓN

A Feira do Ferro que se celebra en Riotorto dende o ano 2007 no mes de abril é un gran encontro, un dos piares clave da súa economía. Xurdiu a iniciativa de catro amigos que en 2006 comezaron a pensar en como promover a súa profesión.

Na actualidade na zona de Riotorto hai aproximadamente unha ducia de persoas facendo pezas de ferro, pero a súa situación non é sinxela. “Séguese consumindo moito ferro, séguense demandando pezas para o monte e para as plantacións, ademais de utensilios sinxelos para as casas, pero comparado con hai anos vai descendendo. En tódolos sitios unha ferramenta manual fai falla, o sector das ferramentas é necesario, pero a artesanía non pode competir cos prezos das fábricas”, din dende a asociación.

O proceso manual que fan os ferreiros é moito máis laborioso e custoso, polo que se encontran cunha problemática, “existe un circulo vicioso no campo, a xente que demanda as ferramentas tamén ten problemas para vender a súa produción, como a leite ou os produtos de horta. É unha cadea, se eses prezos están baixos nos temos que baixalos para que poidan acceder ás ferramentas. Se non hai cartos móvese todo con dificultade. Se encontran un coitelo por dous euros cómprano, pero logo tamén ven que a calidade non é a mesma”.