Skip to main content
Vilalba

Laura Bañobre gaña dous galardóns no concurso de decoración de Nadal de Vilalba

Por 11 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba deu a coñecer os nomes dos gañadores do II Concurso de Decoración de casas, fachadas e balcóns de Nadal, organizado pola concellería de Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados.

A participación no concurso era aberta a todas as vivendas tanto do casco urbano como do rural, cun total de 15 participantes no global das tres categorías.

Así, na de casas, na que se valoraba a decoración exterior, a gañadora foi Carmen Hermida Cendán, que acadou un premio de 200 euros, sendo a segunda clasificada Paula Seoane, cun cheque de 150 euros, e a terceira Estrella Maseda, que logrou 100.

Ademais, na categoría de pisos e edificios, que incluía a decoración de fiestras, balcóns e portas de exterior, gañou Laura Bañobre, que acadou un premio de 150 euros. Os galardóns ao segundo e ao terceiro posto quedaron desertos.

Por último, na categoría de decoración interior, tanto de casas como para pisos ou edificios, que foi votada a través do Facebook, repetiu como gañadora Laura Bañobre, que obtivo desta vez 75 euros.

O acto de entrega deste premios será o próximo xoves, a partir das 20:00 horas, na Casa da Cultura da vila.

Dende o Concello de Vilalba agradecen aos veciños a súa participación neste concurso “que vai camiño de converterse xa nun clásico dentro da programación de Nadal na capital chairega, así como ao xurado”, composto nesta ocasión pola concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados, Antía Rama, que actuou como presidenta, xunto á decoradora Mª del Mar Ramil Paz, á decoradora e empresaria Mª del Pilar Otero Combarro, e á psicopedagoga do Centro Ocupacional, Cristina Prado. Sonia García Paredes actuou como secretaria.

Todas elas valoraron para a súa decisión criterios como a orixinalidade e complexidade, a artesanía, o deseño, a decoración con material reciclado e a iluminación.