Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba reúne as propostas das asociacións culturais trasladadas nas reunións

Por 19 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A candidata do PP á alcaldía do Concello de Vilalba e actual voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, tomou nota das propostas que lle trasladaron durante varias reunións con representantes de distintos colectivos culturais do municipio como, por exemplo, “a conveniencia de manter reunións ao inicio do mandato coas distintas asociacións” ou que “o goberno local dea a coñecer as subvencións que vai conceder ás asociacións con anterioridade e non a finais do ano porque dificultan o labor dos colectivos”. Trátase dunhas demanda que os populares xa teñen reivindicado ante a corporación municipal e que, ademais, defenden como “un exercicio de boa xestión e de colaboración coa sociedade vilalbesa”.

Vázquez sinala que “dentro do gran labor que levan a cabo, cada unha no seu ámbito, queremos coñecer de primeira man a situación na que se atopan e as súas necesidades, sendo sempre receptivos a aquelas suxestións e ideas que nos queiran achegar”. Ás distintas reunións nas que participaron tamén membros do comité executivo local, asistiron representantes da Coral Luar, Coral Polifónica Vilalbesa, Charanga de Vilalba, Escola de Música de Vilalba, Asociación Cultural en Movemento, Banda de Música, Mestura de Nete, Cerna de Árbol, Agrupación de Gaitas Mato Vizoso, Toleache pola peneira, Instituto de Estudos Chairegos, Asociación do Centro Cultural e Recreativo, Asociación Cultural Campo de San Xoán, Tallistas da Terra Chá, Unión de Radioaficcionados, Asociación Cultural Virxe do Carme de Oleiros, Asociación Amigos da Liga Santaballesa e Asociación Casa Escola de Bordelle aos que lles agradeceron a súa asistencia a estes encontros.

De forma concreta, os colectivos demandan tamén “un local para a Unión de Radioafeccionados, o arranxo das vías de acceso á Casa Habanera de Santaballa e axudas para rehabilitar a Casa Escola de Bordelle”. Polo tanto, os populares convidan ao goberno local a atender as peticións das asociacións que “durante o que vai de mandato non foron tidas en conta”, lamenta Vázquez.

EN CONTACTO COS VILALBESES

Os populares continuarán a reunirse cos distintos colectivos do municipio ao considerar “imprescindible estar en contacto permanente coa sociedade vilalbesa para coñecer a súa realidade, as súas necesidades, demandas e propostas para incorporalas á actividade política municipal”.

A popular cre que “os representantes dos veciños na corporación local teñen que estar en contacto con eles, hai que ter en conta aos vilalbeses para artellar políticas que lles sexan útiles. O labor dos representantes políticos é do de defender os seus intereses e velar polo seu benestar dende as administracións; pero iso non se pode facer sen escoitar a aquelas persoas que están a representar. Non se poden tomar decisións de costas aos vilalbeses como fai o actual goberno socialista. O Partido Popular de Vilalba si quere integrar no seu proxecto aos veciños e veciñas”, manifesta.