Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAVilalba

Abre o posto de Estruga na praza con seis produtores

Por 21 Xaneiro, 2023Xaneiro 23rd, 2023Sin comentarios

Coa posta en funcionamento dun posto da praza de abastos no mercado municipal de Vilalba os días de mercado (martes e venres) o colectivo Estruga acada un punto de venta directa para as produtoras da comarca e arredores, que sexa referente de produtos alimentarios de calidade e co mínimo impacto ambiental na contorna.

Esta iniciativa da asociación A Estruga Espazo Agroecolóxico levouse a cabo trala firma de un convenio co Concello de Vilalba, que lles cede o uso dun posto para os asociados.

Este venres 20 estreáronse coa venda dos artículos de seis produtores de Vilalba e de Xermade, membros activos deste colectivo que ten como obxectivo impulsar a agroecoloxía como xeito de produción de alimentos e de vida na natureza. Entre os primeiros produtos á venda estaban a mel, o queixo San Simón e moitos outros produtos agrarios, xa que os produtores proceden de Cabreiros, Goiriz, Noche, Lanzós e San Simón da Costa.

Abriu onte na praza este novo lugar cunha degustación de produtos que estarán dispoñibles para a venda todos os días mentres que os socios irán turnándose para atender o mercado.

O obxectivo final do colectivo é dispoñer dun punto de intercambio dos produtos para facilitar a distribución conxunta a establecementos doutras vilas da contorna.  “Que sexa un lugar de encontro non só para as produtoras, senón tamén para as personas coa teima de restablecer o contacto social en torno aos mercados locais ou lograr o respaldo da comunidade para vertebrar a economía comarcal en torno á produción primaria, dando lugar a subprodutos e outros servizos”, explica Marcos Besada, presidente a asociación.

Tamén buscan acadar un convenio coa administración local para o suministro de alimentos nos espazos colectivos que estean baixo a súa xestión, así como a elaboración de accións paralelas “que enriquezan a comarca en eidos como a educación, cultura e turismo sostible”.

Outro dos obxectivos é dinamizar o espazo ofrecendo actividades gastronómicas e lúdicas como degustacións de produtos de tempada, obradoiros para nenos e adultos e actuacións musicais ou representacións culturais que visibilicen e fagan mais atractivo este espazo do mercado.

VISITA DO GOBERNO MUNICIPAL

O goberno local de Vilalba visitou o mercado de vila para poñer en valor os produtos locais e animar á veciñanza a mercar nos seus postos.

En concreto, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, achegouse ata o mercado, que se celebra cada martes e venres, xunto a algúns dos concelleiros e concelleiras do goberno local.

A rexedora vilalbesa quixo agradecer aos “novos produtores e comerciantes todo o esforzo que están a facer por revitalizar este espazo con produtos como o queixo, o mel, as patacas, os doces, a froita ou o peixe”.

“Queremos animar á xente a vir ata este mercado e a consumir. Está nas nosas mans apoiar aos produtores e ás produtoras que apostan por métodos sostibles de consumo, polo noso campo, é que traballan incansablemente cada día por ofrecernos produtos de proximidade e de tanta calidade”, engadiu Elba Veleiro.