Skip to main content
Axenda CaducadaDeportes TERRACHÁXAVilalba

Vilalba acolle o sábado o Campionato Provincial Xogade de Campo a Través

Por 25 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Area Recreativa da Madalena en Vilalba acollerá o sábado 28 de xaneiro o Campionato Provincial Xogade de Campo a Través 2022-23.

Esta proba está organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coas Agrupacións Deportivas Escolares e está destinada aos deportistas das distintas entidades participantes no programa Xogade.

A proba está destinada ás categorías benxamíns (2015 -2014), alevíns (2013-2012), infantís (2011-2010) e cadetes (2008-2009), tanto nenos coma nenas. As carreiras organizaranse por categoría e por sexo, facendo saídas cada 20 segundos por quendas dun máximo de 20 participantes cada unha. Na categoría cadete haberá unha única saída para nenos e outra para nenas.

Realizarase unha clasificación individual, segundo os tempos de entrada en meta, e outra por equipos; para cada unha das categorías. A clasificación por equipos será elaborada só cos atletas (6 máximo) dos equipos que entren na meta co mínimo esixido para clasificar, que é de tres (en cadetes) ou catro (no resto de categorías) atletas por entidade. Sumaranse os postos destes tres/catro, resultando vencedor o equipo que menos puntos sume. En caso de empate resultará vencedor o equipo que teña o mellor posto individual.

Os equipos estarán formados polos 6 primeiros deportistas que entren na meta de cada categoría e sexo, polo que non será necesario indicar os compoñentes de cada un na inscrición. Na clasificación final por equipos recolleranse un máximo de 2 por entidade, indicándose co engadido A e B.

Para a fase autonómica (alevín, infantil e cadete ) clasificarán os dez primeiros atletas individuais así coma os dous mellores equipos de cada categoría e sexo (os equipos estarán compostos por un máximo de 6 e un mínimo de 3 en cadetes e 4 no resto de categorías).

Haberá medallas para os/as tres primeiros/as clasificados/as individuais de cada categoría e sexo en cada unha das fases. No apartado de equipos haberá medallas para os tres mellores equipos clasificados de cada categoría e sexo. Na medida do posible a premiación farase durante o transcurso do campionato.