Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

O Vilalbés presenta o seu novo himno e un novo equipo Genuine

Por 26 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O presidente do RC Vilalbés, Juan Vázquez Carreira, presentará este venres, 20 de xaneiro, ás 19 horas, no auditorio municipal de Vilalba as últimas novidades do club nun acto ao que están invitados todos os socios e simpatizantes.

Así, o club dará a coñecer as tres grandes novidades para este ano. A primeira delas será o novo himno. O tema orixinal, interpretado polo grupo Batital, foi composto polo chairego Fran Muinelo, con dirección musical e arranxos do músico bielorruso Yuri Sidar , e a produción do teclista Adrián Arias, todos eles membros da banda lucense, masterizándose nos estudos Abrigueiro de Arturo Vaquero.

Sentimento Vilalbés, que así se chama o himno, nace da colaboración entre Batital e o Racing Club Vilalbés, e é unha mestura de estilos musicais cunha gran riqueza instrumental e rítmica. A súa letra exalta a historia e os valores do club e da propia vila de Vilalba, co obxectivo de unir ao equipo e á afección e converterse nun referente de calidade no cancioneiro futbolístico.

Ademais, o club presentará o novo equipo Genuine, formado por persoas con diversidade funcional. Trátase dun proxecto que o novo presidente defendeu dende a súa chegada ao club e para o que contou coa colaboración do Centro Ocupacional de Vilalba-Terra Chá.

Finalmente, o club presentará tamén a nova páxima web, que leva semanas en elaboración e que se fará pública xusto durante este acto oficial.