Skip to main content
Xermade

O Ministerio de Educación colabora con Xermade para ofrecer formación a distancia

Por 9 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Aula Mentor ofrece formación online, flexible e con titorización especializada, dirixida a persoas maiores de 18 anos e conta cun catálogo de máis de 170 cursos clasificados por diferentes áreas formativas.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe aos veciños e veciñas de Xermade a que aproveiten a oportunidade de participar nos cursos da Aula Mentor que ofrece o Goberno, coa colaboración do Concello, “que buscan promover a igualdade de acceso á formación e contribuír a reducir a fenda dixital”. A subdelegada visitou esta mañá as instalacións da Aula Mentor, situada na biblioteca municipal, acompañada do alcalde de Xermade, Roberto García, e do tenente de alcalde, José Prieto.

Isabel Rodríguez puxo en valor o programa de formación non regrada a distancia para adultos que promove o Ministerio de Educación e Formación Profesional “pois é unha gran oportunidade para as persoas que viven no medio rural, e especialmente, en municipios menos poboados, dado que lles permite acceder a unha formación de calidade, axustada á demanda laboral, ao mesmo tempo que adquiren competencias dixitais, fundamentais para desenvolverse con éxito na sociedade”

Así mesmo, a Subdelegada explicou que a Aula Mentor é unha iniciativa que ofrece formación online, flexible e con titorización especializada. Está dirixida a persoas maiores de 18 anos e conta cun catálogo de máis de 170 cursos clasificados por áreas formativas cos que ampliar as competencias persoais e profesionais.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional convoca cada ano axudas a entidades locais destinadas ao mantemento das aulas. O Concello de Xermade obtivo unha axuda de 4.000 euros para a creación da súa Aula Mentor e a colaboración entre as dúas entidades quedou regulada nun convenio asinado o 2021.

Nesta liña, Isabel Rodríguez felicitou ao rexedor pola súa iniciativa que permite, dende hai un ano, aos veciños e veciñas de Xermade acceder a formación online, tanto desde o seu domicilio como en cinco ordenadores que pon á súa disposición o Concello na Biblioteca municipal. A través da Aula Mentor pódese obter formación en áreas como administración e xestión, agricultura e xardinería, electricidade e electrónica, hostalería e turismo, informática e comunicacións, seguridade e medio ambiente, sanidade, instalación e mantemento ou artes gráficas, entre outras.

Os cursos teñen validez oficial e unha vez superados obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. O custe dos cursos é de 24 euros mensuais e a duración depende do tempo que lle dedique cada estudante, xa que se trata dunha formación a distancia e flexible. O prazo de matrícula está aberto todo o ano, salvo o mes de agosto, agás os cursos Cisco e os de Formación do Profesorado, para os que hai datas concretas. Máis información no correo xermade@xermade.org ou no 982 501 001.

9 Aulas Mentor na provincia

Na provincia de Lugo, coa de Xermade, hai na actualidade 9 Aulas Mentor. Concretamente, en Burela, Barreiros, Guitiriz, Friol, Lugo, Sober, Láncara e Monforte de Lemos. O obxectivo do Goberno, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é que estas aulas cheguen nos próximos anos a 3.000 municipios do país, con especial interese naqueles de menos de 5.000 habitantes e pertencentes á España rural, como o caso de Xermade. Para iso, vai destinar un total de 9 millóns de euros.