Skip to main content
Foz

Foz contará na área recreativa de Pico do Castro coa primeira área canina da Mariña

Por 2 Febreiro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, reuniuse no entorno da área recreativa de Pico do Castro con membros da asociación Amigos dos Cans de Foz, que levan máis dun ano facendo uso dunha finca privada na zona do Camiño da Cadra para poder ceibar ás súas mascotas. Dentro do programa de ampliación de servizos e de recuperación de zonas verdes, o Concello de Foz está a traballar na creación da primeira área canina da Mariña no entorno do Pico do Castro. O parque canino, que se situará nas vellas instalacións de distribución de gas -xa en desuso- situadas no Pico do Castro e nun prado anexo, ambos de titularidade municipal, vén a atender a demanda da asociación e dun gran número de veciños e veciñas que solicitan un entorno seguro para que os cans poidan correr e gozar do aire libre.

O rexedor municipal explica que “a demolición das vellas instalacións de gas será a conta da empresa de distribución de gas Nedgia: o convenio no que o Concello de Foz cedía a parcela para a distribución de gas expirou ao finalizar a actividade. Para definir e axilizar as tarefas de demolición das vellas instalacións mantivemos o 24 de xaneiro unha reunión sobre o terreo con técnicos da compañía Nedgia, que se comprometeron a realizar os traballos nun prazo máximo de 3 meses despois de conseguir todos os permisos necesarios”.

Hai exactamente dous anos, en febreiro do ano 2021, Fran Cajoto fixera entrega das chaves da canceira municipal á Asociación Asistencial de Protección de Animais de Foz. “O Concello de Foz segue a traballar na protección e na mellora da calidade de vida dos animais, en colaboración con asociacións que fan unha enorme labor, como a Protectora de Foz. Tampouco nos esquecemos da limpeza das rúas, por iso incidimos moito na responsabilidade dos donos na recollida das deposicións das súas mascotas. Estas asociacións son un exemplo do que implica ter un can na nosa familia, os coidados e a responsabilidade que iso conleva”, engade o alcalde.

A construción da área canina será levada a cabo polos alumnos de xardinería do obradoiro de emprego Terras do Ouro 2022, do que ademais do concello focego forman parte os municipios de Alfoz e o Valadouro. Cunha superficie de máis de 2.300 metros cadrados, peche perimetral de 1,5 metros de altura, estruturas de agility e servizos como puntos de auga adaptados ás mascotas, a área canina será a primeira das súas características na comarca da Mariña. “Imos recuperar unha zona degradada cunha inversión reducida, creando un espazo moi demandado por aqueles que teñen no seu can a un máis da familia. O entorno do Pico do Castro ten un acceso peonil seguro despois das obras de urbanización da Costa do Castro e un estacionamento cómodo se nos achegamos con vehículo. Retirar as vellas instalacións de gas, un exemplo claro de feísmo, e a construción do primeiro parque canino da Mariña será un paso máis no Foz que estamos axudando a construír”, remata Cajoto.