Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Adega e Mariña Patrimonio denuncia ante o Icomos a afectación dunha canteira no Camiño de Santiago Norte

Por 2 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) conxuntamente coa Asociación Socio Cultural Mariña Patrimonio veñen de solicitar no Comité Español do Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios da Unesco) que abra unha investigación e se pronuncie sobre como afecta ao Camiño de Santiago do Norte os labores que a empresa Canteras Santa Cecilia ten realizado dentro do Territorio histórico do Camiño de Santiago e como lle vai afectar a este ben, Patrimonio da Humanidade, a futura ampliación da canteira do Monte da Trinidade. O Monte da Trinidade atópase entre a parroquia de Vilamor, no Concello de  Mondoñedo, e o lugar de Arroxo, no Concello de Lourenzá, onde están catalogados e, teoricamente, protexidos o Castro de Flores, o Castro da Trinidade e o Camiño de Santiago.

“No ano 2008 un veciño de Mondoñedo denunciou perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) danos no castro da Trinidade por mor dos labores mineiros que se estaban realizando ilegalmente nesta zona protexida”, din dende os colectivos, “trala inspección apareceron restos arqueolóxicos, entre os que destaca un machado votivo de bronce que ten representado un torques. Malia a que a DXPC comprobou a veracidade dos feitos denunciados, non actuou contra  a canteira nin protexeu o citado ben patrimonial”.

En 2016, a Asociación de Fabricantes de Hormigón Preparado (ANEFHP) denunciou posibles danos ocasionados pola canteira noutro xacemento catalogado, o Castro de Flores. “Porén, os danos afectaban tamén ao Territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, xa que en 2014, por Decreto 158/do 27 de novembro delimítase este Camiño histórico, que inclúe o Monte da Trinidade, o Castro da Trinidade e o Castro de Flores, ambos inventariados dende 1991”, engaden.

A DXPC comprobou novamente os feitos denunciados e, “no canto de actuar contra os responsables das posibles infraccións, comeza un proceso para descatalogar os bens patrimoniais do Monte da Trinidade argumentando a inexistencia destes bens”.

E no mesmo o 2016 Canteras Santa Cecilia presenta un proxecto de expansión da canteira que afecta directamente os castros da Tinidade e Flores así como o Territorio histórico do Camiño de Santiago.

“Foi en febreiro de 2017 cando Adega e Mariña Patrimonio denunciamos perante a DXPC os posibles danos da canteira no Castro da Trinidade e levamos á Fiscalía o intento de descatalogación dos bens patrimoniais no Monte da Trinidade. Cómpre sinalar que, en relación coas denuncias de ANEFHP de ADEGA e de Mariña Patrimonio, nun documento remitido pola Subdirectora Xeral do Patrimonio Cultural á Alcaldesa de Mondoñedo afírmase: a entidade mercantil (…) “ocupa terreos do ámbito protexido do xacemento Castro da Trinidade, GA270030022, alterando substancialmente o terreo e subsolo, sen que a dita intervención teña o amparo dunha autorización desta Administración de protección do patrimonio cultural (…) Ocupou tamén a dita explotación superficie do territorio historico do Camiño de Santiago do Norte (ruta da Costa), segundo a delimitación declarada polo  Decreto 158/2014 do 27 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa”.

Malia á contundencia do documento, “non hai constancia de que a DXPC abrise expediente sancionador por estes feitos nin que adoptase medidas para protexer os bens patrimoniais afectados”, din os dous colectivos.

En febreiro de 2019, Adega e Mariña Patrimonio presentaron novas denuncias perante a DXPC por movementos  de terras, explanacións, entullos e acumulación de estériles mineiros no Territorio Histórico do Camiño de Santiago do Norte ao entender que estes labores mineiros non contaban coas preceptivas autorizacións de Patrimonoio, nin de Minas, nin do Concello de Mondoñedo. “Tampouco nesta ocasión hai constancia de que a DXPC abrise expediente sancionador polos feitos denunciados”.

E xa en maio de 2020 Adega presentou outra denuncia perante a Consellería de Cultura pola construción dun muro de contención por parte da empresaque explota a canteira, sen a autorización preceptiva para actuar en territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte e na zona de protección do Castro de Trinidade. A Consellería de Cultura comunícalle a Adega que abre un procedemento sancionador pola “construción de muro de contención exterior sobre diversas parcelas no ámbito de diversos bens protexidos“.  E “a día de hoxe, febreiro de 2023, non se coñece a resolución deste procedemento sancionador”, din os colectivos

Canteras Santa Cecilia ten na actualidade un proxecto de ampliación da canteira que afectaría directamente os castros da Tinidade e Flores, así como o Territorio histórico do Camiño de Santiago.