Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Propostas un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023, 19 delas en Lugo

Por 13 Febreiro, 2023Febreiro 14th, 2023Sin comentarios

No mes de maio, os membros Adeac darán a coñecer o fallo desta edición, tal e como trasladou o seu presidente, José Palacios.

Galicia propuxo un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023, o que supón 2 novas candidaturas con respecto ás presentadas na edición do pasado ano 2022, tal e como salientou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, logo de participar na reunión do xurado nacional que concede estes distintivos.

Do Campo incidiu en que a Comunidade galega, coas 117 propostas —38 da Coruña, 19 de Lugo e 60 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e Estremadura.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que o esforzo realizado por 34 concellos —14 da provincia da Coruña, 8 de Lugo e 12 de Pontevedra—, un máis que o pasado ano 2022, se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das candidaturas, sobre todo porque as administracións locais dedican importantes recursos para que os seus areais gocen de boa calidade das augas —que ten que ser excelente—, seguridade, servizos, e accesibilidade; así como para unha atinada xestión ambiental.

O fallo do xurado, que valorará que os areais sexan lugares seguros e accesibles para todas as persoas, darase a coñecer a mediados do mes de maio, tal e como lles trasladou o presidente da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), José Palacios.

Asemade, este encontro foi unha oportunidade para abordar a necesidade de aumentar a resiliencia das zonas litorais, sobre todo das dunas e das pradarías submarinas, xa que actúan como axentes protectores naturais das praias ante os temporais e, polo tanto, son imprescindibles para mitigar os efectos do cambio climático.