Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Mais de 600 alumnos da comarca participan en actividades do Programa de Prevención de Drogodependencias

Por 14 Febreiro, 2023Febreiro 15th, 2023Sin comentarios

Mais de 600 alumnas e alumnos dos centros de ensino de Ribadeo, Trabada, A Pontenova e Barreiros participan nas actividades organizadas este curso polo o Programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Aditivos do Concello ribadense.

En outubro, comezaron en Educación Primaria os obradoiros sobre Habilidades para a vida, que se están a desenvolver durante todo o curso en 5º e/ou 6º no Ceip Gregorio Sanz, de Ribadeo, no Colexio Sagrado Corazón tamén de Ribadeo, no Ceip Celso Currás, de Trabada, no Ceip Plurilingüe de A Pontenova, no Ceip de San Miguel de Reinante e no Ceip de San Cosme de Barreiros. En total participan 158 alumnas e alumnos de 10 a 13 anos.

Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Mónica Freire, explica que “a educación en Habilidades para a Vida pretende dotar a cada persoa dunha batería de recursos persoais que lle axuden a obter o mellor de si mesmas, do seu mundo relacional e do entorno social, contribuíndo a previr riscos psicosociais de diversa natureza (abuso de drogas, acoso escolar,etc)”.

Desde o Programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Aditivos indican que “a 1ª sesión trata sobre a Autoestima, a 2ª sobre a Empatía e a 3ª  sobre a Asertividade (en concreto, formas de dicir NON). A  metodoloxía usada son audiovisuais e dinámicas de grupo co alumnado, polo que lles resulta moi ameno e divertido. Traballamos aula por aula, con grupos pequenos”.

Tamén se están a desenvolver actividades en Educación Secundaria e equivalentes:

Houbo unha charla informativa organizada o 21 de novembro sobre a Prevención do abuso de videoxogos/xogos de azar, a cargo da asociación Agalure de A Coruña, no que participaron 118 alumnos-as de 4º de ESO e FP Básica (15-16 anos)

E hai outras programadas para as vindeiras semanas. Así vaise celebrar unha charla coloquio sobre Instagram, Tik Tok e  outras apps e a súa influencia no trastorno dismórfico corporal, que se celebrará o día 24 de abril para 2º e 3º de ESO e para FP Básica cun total de 153 alumnas e alumnos participantes de entre 13 e 16 anos. “Esta problemática parécenos tan importante que a imos a realizar tamén para familias e persoas interesadas en xeral”, segundo subliña Freire Rancaño.

A concelleira de Servizos Sociais engade: “estamos tamén desenvolvendo un programa de Prevención Secundaria co alumnado de FP Básica do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, sobre o consumo de cannabis (marihuana e haxíx) no que participan 15 adolescentes de entre 16 e 19 anos”.

Os centros de secundaria participantes son o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Colexio Sagrado Corazón e o CIFP Porta da Auga con alumnado de ESO e de Formación Profesional Básica. En total, entre 150 e 200 alumnas-os, dependendo do proxecto, xa que van dirixidos a distintas idades.

Desde o programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Aditivos do Concello ribadense e desde a Concellaría de Servizos Sociais agradecen “coma sempre a enorme colaboración de todo o persoal docente, equipos de dirección e equipos de orientación dos centros participantes.  Pódense seguir todas estas actividades e cómo as imos desenvolvendo nas páxinas de Facebook e Instagram @adiccionszeroribadeo”.