Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAFoz

Comparsa Sin Xeito: “O noso obxectivo é desfrutar moitos anos máis da mellor festa de todas”

Por 16 Febreiro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Judit Fernández, representante e unha das fundadoras da Comparsa Sin Xeito.

Que é a Comparsa Sin Xeito?

A Comparsa Sin Xeito é unha agrupación creada por xente carnavaleira para facer desfrutar do Entroido focense nun principio, e dende fai moitos anos, tamén fóra de Foz.

Quen forma a directiva?

A directiva está formada neste momento por seis integrantes sen que haxa cargos diferenciados. Ó longo destes anos foise cambiando a xente, para poder descansar uns e dar paso a outros.

Cantos membros son?

Para o 2023 somos 84 integrantes, esto tamén varía cada ano e no 2016 chegamos a alcanzar os 104 membros.

Como e cando naceu Sin Xeito?

Sin Xeito celebrará no próximo desfile as súas vodas de prata como comparsa…naceu hai 25 anos en Foz, cando un grupo que levaba o mesmo nome decidiu aumentar en número e cambiar de aires, aprender algo de música e baile e crear a que foi a primeira comparsa focense tal e como se coñecen hoxe en día.

Que actividades fan?

Participamos en todos cantos actos se organizan no noso pobo con respecto ó Entroido, sendo o día principal o sábado do desfile, para o que ensaiamos varios meses antes. Tamén participamos en desfiles de pobos veciños e algunha vez non tan veciños, xa que no 2020 por primeira vez saímos de España e fomos ata Arcos de Valdévez, en Portugal.

Cales son as máis representativas?

O noso día máis importante, como xa dixen, é o sábado, día no que estreamos traxe e onde poñemos en práctica todo o ensaiado. Pero tamén participamos nas coplas, na queima… e nos actos de elección e coroación da raíña, que este ano serán especiais, xa que celebraremos o aniversario cunha raíña Sin Xeito. Uxía, que naceu na comparsa cumpriu o seu soño e será a representante do Entroido focense este ano. Toda a comparsa está orgullosísima e moi feliz por ela, e desexámoslle o mellor dos reinados.

Contan con apoio municipal para as actividades?

Os membros da comparsa son os que se fan cargo do gasto económico. Dende o Concello axúdannos cedéndonos algún local para ensaios e reunións, e neste sentido tamén temos que agradecer á Asociación de Veciños de Santa Cilla que nos ceda o seu local.

Que necesidades ten Sin Xeito?

A única necesidade que ten Sin Xeito é que o entroido de Foz siga medrando e siga sendo por sempre o mellor Entroido do Mundo.

Que é o máis importante que conseguiu a comparsa?

O máis importante que conseguimos é, sen dúbida algunha, seguir despois de tantos anos. O Entroido danos moitas alegrías e regálanos incluso amigos para sempre… pero tamén é certo que implica moito esforzo e traballo, polo que manter un grupo tan numeroso durante 25 anos supón un orgullo importante para moitas de nós.

Novos proxectos de cara ao futuro?

En canto a incorporar membros temos que dicir que con moita pena non podemos incorporar a toda a xente que quixera. É unha cuestión de loxística, segundo vai aumentando o número tamén aumentan as dificultades para conseguir provedores ou modistas por exemplo. Así que neste momento estamos incorporando practicamente só percusionistas, xa que a nosa intención é ter unha batería de percusión ampla e con variedade de instrumentos.