Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros reclama a reparación da estrada LU-P 0611, que une a N-634 coa praia de Coto

Por 10 Febreiro, 2023Sin comentarios

O PP de Barreiros reclama a Tomé que xestione a reparación da moi deteriorada estrada provincial LU-P 0611, que une a N-634 coa praia de Coto. “O mal estado das estradas supón molestias para os usuarios, perda de seguridade vial e mala imaxe para o territorio polo que descorren. Eses tres aspectos negativos danse en moitas das vías que dependen da Deputación de Lugo. Unha das estradas provinciais en mal estado é a LU-P 0611, que une a N-634 coa praia de Coto”, di o portavoz popular neste concello, José Manuel Gómez Puente, que reclama do presidente da Deputación “que adopte, sen demora, as medidas precisas para acometer un mantemento nas debidas condicións desta estrada”.

Gómez Puente sinala: “Esta estrada, arranca na N-634, é dicir na estrada xeral, ao pé do tanatorio, e acaba na pista que descorre ao longo da costa, neste caso, en Coto. É a mellor alternativa para ir dende a xeral á estrada que bordea a costa, porque é a máis recta, no atravesa núcleos de poboación e é a máis ancha”. Engade: “Este ano, non sei por que, a Deputación non levou a cabo obras de mantemento na LU-P 0611 e agora mesmo o deterioro é moi acusado. O pavimento está mal, pero hai algunha zona na que se formaron grandes fochancas, que crean risco para a seguridade do tráfico e que xa provocaron algunha avaría”.

O mesmo representante popular di: “Xa sabemos que ao presidente Tomé non lle gusta nada que poñamos negro sobre branco o mal estado da rede viaria provincial, cuxo mantemento depende da Deputación. Pero hai moitas estradas en moi mal estado e esta de Barreiros é unha delas. Polo tanto, temos que reclamar, en nome dos veciños de Barreiros e de todos os usuarios desta vía, a súa reparación no máis corto prazo posible”. Lembra que Barreiros recibe cada verán a miles de visitantes e que este é un dos accesos principais ás praias. “Esperemos que amañen a estrada antes da primavera, porque tamén é unha vía que facilita a comunicación entre barrios de Barreiros”.