Skip to main content
Barreiros

Iniciados os traballos de aglomerado en vías de Barreiros

Por 23 Febreiro, 2023Febreiro 24th, 2023Sin comentarios

A Deputación vén de iniciar os traballos de aglomerado en quente en tres estradas provinciais do concello de Barreiros. Trátase da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente; e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela.

Concretamente, a institución provincial está a acometer a renovación do firme en máis de 5 quilómetros destas vías. Na LU-P-0605, as obras melloran desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,2; no tramo que vai desde o punto quilométrico 0,473 ó 0,707 da LU-P-0606; e nos primeiros 2 quilómetros da LU-P-0607.

Os traballos de pavimentación que o organismo provincial levará a cabo estes días  dán continuidade ás actuacións xa iniciadas coa reapertura de cunetas, e posteriomente ó remate da pavimentación procederá á sinalización horizontal realizando o pintado mediante marcas reflexivas brancas, o que mellorará as condicións de seguridade e comodidade para o usuario. A evolución dos traballos dependerá das condicións metereolóxicas e as choivas que se prevén para os próximos días.

Con esta importante actuación, a Deputación beneficiará non só á veciñanza da parroquia de Benquerencia, senón que tamén mellorará considerablemente a mobilidade no conxunto do concello de Barreiros, pois trátase de tres vías moi transitadas nesta localidade da costa lucense.

Ademais, esta obra enmárcase dentro das liñas estratéxicas da acción do Goberno provincial, presidido por José Tomé Roca, como queda demostrado nos Orzamentos. De feito, o investimento en estradas subiu un 30% no que vai de mandato, pasando dos 14,2M€ consignados no 2019 aos 18,3M€ deste ano, co obxectivo de  conservar e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.