Skip to main content
Burela

O PP de Burela urxe ao Concello a elaborar un proxecto para sacar o tráfico pesado das rúas do centro da vila

Por 1 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Burela urxe ao Concello a elaborar un proxecto cunha alternativa para sacar o tráfico pesado das rúas do centro da vila e a dar cumprimento, antes do vindeiro pleno ordinario, ás sentenzas xudiciais sobre a unidade de actuación de Torrentes.

O portavoz e presidente do PP local, Manuel Rouco, cre que “o máis aconsellable é que o tráfico pesado non atravese o casco urbano de Burela” porque “contribuiría a favorecer unha maior fluidez para o resto do tráfico e a aumentar a seguridade dos veciños e veciñas da vila”.

Os populares sinalan que “o tráfico de vehículos pesados que transportan madeira cara ao porto de Burela, onde é almacenada de forma temporal ata ser transportada por mar pasa, en moitos casos atravesa o casco urbano da vila”. E, así mesmo, engaden que “coa posta en funcionamento da mina de caolín, moi probablemente a finais deste ano ou a comezos do seguinte, fai pensar que tamén se empregue o porto de Burela para darlle saída ao produto extraído do monte Castelo”.

A iniciativa que os populares defenderán no pleno deste xoves recolle a elaboración do proxecto e, dada a necesidade urxente, que sexa realizado antes do vindeiro pleno ordinario. Así mesmo, propoñen que sexa remitido ás Administracións con competencias nas estradas afectadas e instalas a que tramiten a alternativa proxectada de forma urxente.

REPARCELACIÓN DE TORRENTES

Os populares consideran que “o goberno local debe poñer ao día a situación de Torrentes”; especialmente tralas inquedanzas dos veciños e veciñas que teñen propiedades nesa zona e que veñen de recibir comunicación por parte do Concello.

O portavoz popular, Manuel Rouco, urxe polo tanto ao goberno local a “aprobar o informe técnico previo á aprobación definitiva do proxecto de reparcelación da unidade de actuación de Torrentes, tal e como marca a Lei do Solo de Galicia do ano 2016”.

O Grupo Municipal Popular tamén recolle na súa proposta que “o Concello aprobe a liquidación definitiva da unidade de actuación de Torrentes para dar cumprimento de forma efectiva ás sentenzas 1005/2014 e 0081/2012 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”. Os populares puntualizan, ademais, que “a aprobación debe ter efectos retroactivos para convalidar os diferentes actos administrativos sinalados no informe de Secretaría do 6 de xuño de 2017”.

ALTERNATIVA AO ACTUAL GOBERNO

Rouco: “Somos a formación que, unha vez máis, leva máis iniciativas ao pleno para afrontar o futuro inmediato da nosa vila; ademais de ser a única que segue a fiscalizar con rigor as accións do goberno socialista local, converténdose na única alternativa real ao actual goberno de Burela”.