Skip to main content
Cervo

Cervo nomea a Nardo Martínez, Fillo Adoptivo a título póstumo

Por 4 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Cervo vén de nomear a Nardo Martínez, fundador de Talleres Martínez, Fillo Adoptivo a título póstumo, recoñecendo así a súa extraordinaria xenerosidade e dedicación ao municipio “un veciño exemplar comprometido co seu pobo, humilde, humano e tremendamente preocupado polo desenvolvemento do noso municipio en todas as facetas”, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares.

O recoñecemento a Nardo Martínez foi acordado por unanimidade en pleno ordinario, ante unha nutrida representación do tecido social do municipio, de onde partiu a iniciativa de poñer en valor unha traxectoria extraordinaria en prol do municipio de Cervo e da súa veciñanza.

Aínda que naceu na parroquia de Ove en Ribadeo, Nardo sempre foi considerado un cervense máis, xa que neste municipio desenvolveu a súa traxectoria persoal e profesional cuxo máximo expoñente foi a fundación da súa empresa Talleres Martínez no ano 1979, que hoxe continua a súa actividade da man dos seus descendentes, que colleron a testemuña.

Tal e como se recolle no expediente que sustenta este recoñecemento, Nardo foi un home singular feito a si mesmo que soubo aproveitar a súa experiencia vital para compartir con outros o seu tempo e recursos.

Foi un veciño que xerou riqueza económica en Cervo, creando postos de traballo, pero que tamén prestou o seu apoio altruísta en todo canto se lle propoñía “disposto sempre a colaborar con todos”, axudando e impulsando diversas actividades tanto culturais, como sociais e deportivas “dedicando ao pobo parte do beneficio que obtiña como destacado empresario, para que revertese nas súas veciñas e veciños, de moi diversos xeitos”. Así, patrocinou múltiples eventos, equipos deportivos, festivais de música e culturais “prestando un apoio público, sempre a pé de rúa, a todo aquel que o solicitase, con independencia da súa actividade ou condición”.

Nardo sempre foi unha persoa preocupada polo desenvolvemento do seu pobo, ata o punto que foi soporte para moitas destas asociacións que agora se sumaron para brindarlle esta homenaxe a título póstumo “devolvéndolle así en parte esa dedicación por Cervo, esa xenerosidade e espírito filantrópico en beneficio das artes das letras, do deporte…”.

Tanto as asociación que promoveron o nomeamento como a corporación municipal coinciden en que foi un home que serviu ao seu pobo; autodidacta, emprendedor, innovador…”que merece o respecto, o recoñecemento e o deber de facer estimable a súa memoria no Concello de Cervo”.

A entrega desta distinción á familia de Nardo Martínez terá lugar nun pleno extraordinario con data aínda por determinar.