Skip to main content
Foz

Aprobado definitivamente o proxecto das rotondas que se construirán en Cangas de Foz

Por 8 Febreiro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pon en valor a aprobación definitiva das rotondas que se construirán en Cangas e reclamas as vías de alta capacidade para a comarca.

O rexedor municipal focego explica que “o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) vén de anunciar a aprobación definitiva do proxecto de trazado das dúas novas glorietas da N-642 en Cangas, cunha inversión superior aos 565.000 euros. O 31 de agosto do pasado ano 2022 publicábase no BOE a aprobación provisional do proxecto de trazado. Con esta aprobación definitiva o Ministerio xa pode proceder á expropiación dos terreos necesarios para a execución das rotondas, expropiación que agardamos que se leve a cabo o antes posible. Agradecemos á Secretaria de Estado o compromiso con Foz pois con este avance está a cumprir o primeiro dos anuncios que fixo na visita do pasado 13 de xaneiro. Rotondas de Cangas, Terceiro Acceso e mellora da intersección da Corredoira, un conxunto de actuacións que superan os 3,5 millóns de euros e que agardamos que canto antes pasen dos papeis á realidade”.

Ademais no Concello de Foz seguen pendentes do arranxo definitivo da N-642 na Areoura e o alcalde indica que “coa habilitación de dous carrís e a supresión da regulación semafórica o pasado venres aliviamos os atascos que se estaban a producir, pero está pendente o arranxo definitivo. Non nos podemos demorar, a N-642 é a nosa columna vertebral”.

Fran Cajoto engade que “a Nacional N-642 segue a ser a única vía que conecta a Mariña, ante o retraso na execución da autovía A-74 e da súa continuación, a VAC Costa Norte, responsabilidade da Xunta. A necesidade de infraestruturas fíxose máis patente ca nunca na nosa comarca despois do socavón da Nacional. Os concellos sabémolo ben, é hora de que as administracións autonómica e central estean á altura coa Mariña”.