Skip to main content
Lourenzá

Rocío Lopez optará por terceira vez á Alcaldía de Lourenzá como candidata do PSOE

Por 9 Febreiro, 2023Sin comentarios

Rocío Lopez optará por terceira vez á Alcaldía de Lourenzá como candidata do PSdeG-PSOE, logo de dous mandatos á fronte do Concello. Así o acordou por unanimidade a formación socialista laurentina, “coa finalidade de revalidar a Alcaldía e seguir dirixindo un goberno que está ó servizo dos veciños e veciñas”.

A actual alcaldesa agradece o apoio recibido para repetir como cabeza de lista do PSOE nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio co obxectivo de dar continuidade a moitos dos proxectos iniciados neste segundo mandato.

Rocío López fai balance de “moitos dos logros acadados nestes catro anos,  como a construción do campo de herba artificial de Santa Cruz; a nave multiusos de Ponte de Cuñas, que está a disposición de todas as asociacións, de mozos e de maiores para calquera actividade que queiran desenvolver; e tamén a gran intervención na mellora das infraestruturas municipais. Neste mandato a mellora das estradas foi un dos piares principais e leváronse a cabo actuacións en todas as parroquias”.

A actual alcaldesa di que se volve presentar “para seguir traballando na mesma liña, para mellorar os servizos á veciñanza e continuar sendo o concello que somos, coas portas abertas, próximo e accesible á cidadanía.

Esa segue sendo unha das miñas prioridades, escoitar á xente e continuar estando preto dos problemas e das necesidades dos veciños e, na medida do posible, poder darlles solución”.

Ademais Rocío López dá as grazas a toda a veciñanza “pola confianza depositada en min e no meu equipo nestes oito anos e agardo estar á altura para revalidar a Alcaldía por terceira vez consecutiva para seguir traballando por e para o interese común de todos os laurentinos, para entre tod@s facer unha Lourenzá mellor. As obras públicas, os servizos sociais, a cultura, o turismo e o deporte serán o eixo principal no que continuar traballando”.