Skip to main content
Lourenzá

A RAG estrea o 6 de marzo a Primavera das Letras para achegar a figura de Fernández del Riego ao público infantil

Por 24 Febreiro, 2023Sin comentarios

A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo asinan a biografía teatralizada de don Paco dirixida ao público infantil que se publicará na páxina web de Primavera das Letras. A Academia produce ademais unha serie documental web sobre o intelectual realizada por Miramemira.

O presidente da Real Academia Galega participou na presentación da programación das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego de distintas entidades, celebrada na Cidade da Cultura. Víctor F. Freixanes salientou que dedicándolle o 17 de maio a don Paco a RAG decidiu renderlle homenaxe a quen foi ante todo un activista, “un activista da cultura galega e de Galicia como nación que nunca se rendeu”. Del Riego foi unha das figuras máis representativas de toda unha xeración que mantivo viva durante a ditadura a cultura de noso tendendo pontes coa xeración Nós e entre o exilio interior e a Galicia alén mar. Os seus integrantes foron “os que nos permitiron ser o que somos e estar hoxe aquí”, valorou. “Hoxe celebramos a existencia dun activista do que todos somos fillos”, concluíu o presidente da RAG..

Víctor F. Freixanes lembrou ademais que foi don Paco “o inventor” do Día das Letras Galegas que este ano protagoniza, unha celebración que constitúe “un acontecemento social que nos desborda, unha festa compartida por toda a sociedade” e “une a todos por riba das diferenza”. As celebracións terán dous lugares de referencia: o seu Lourenzá natal e Vigo, a cidade que o acolleu despois da guerra civil.

En 1963 Rosalía de Castro convertíase na primeira homenaxeada do Día das Letras Galegas. A celebración que co tempo se convertería na gran festa da cultura galega nacera na cabeza de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), quen a presentou no pleno da Real Academia Galega nunha proposta asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Sesenta anos despois daquel comezo, don Paco é agora o homenaxeado. A Real Academia Galega, institución da que foi tamén presidente (1997-2001) decidiu dedicarlle o vindeiro 17 de maio cadrando con outra efeméride, o seu 110 aniversario, e celebrarao divulgando a súa figura e obra ao longo de todo o ano cunha programación que abranguerá dende as achegas máis eruditas ata unha serie documental web e unha biografía infantil teatralizada.

Entre outras iniciativas, a RAG editará as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, que verá por fin a luz pública nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero. O epistolario está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego, detalla a investigadora. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, explica.

A Primavera das Letras empeza o 6 de marzo

As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado de Francisco Fernández del Riego centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da páxina web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada. Seguindo o camiño autoral inaugurado o ano pasado coa narradora Ledicia Costas e a escritora Blanca Millán, desta volta Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina As cousas de don Paco, un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.

A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas. A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares presentados ao concurso Contádenos o voso Día das Letras, explica a académica, responsable desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria. A lingua será igualmente a cerna dos contidos especiais das Letras Galegas 2023 que ofrecerá o Portal das Palabras, o espazo web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do noso léxico.

De Lourenzá a Vigo

Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol. A institución que del Riego dirixiu dende a súa fundación, “o fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60 aniversario, outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica.

Lourenzá e Vigo, Vigo e Lourenzá serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo dedicado a del Riego de academia.gal, a páxina web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución.

A Real Academia Galega desenvolverá estas e outras iniciativas arredor da conmemoración do Ano Francisco Fernández del Riego co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, entre outras institucións e entidades públicas e privadas. A Academia colaborará ademais, como é costume, con iniciativas diversas promovidas polo tecido asociativo, cultural e empresarial do país co gallo do Día das Letras Galegas 2023.

Deputación

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na Cidade da Cultura de Santiago no acto de presentación do programa do Día das Letras Galegas 2023, que chega á 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego, natural de Lourenzá.

A Deputación de Lugo colaborará co Concello de Lourenzá para a posta en marcha dun completo programa que inclúe no seu conxunto máis dun cento de actividades e accións que servirán para dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do homenaxeado. As iniciativas desenvolveranse ao longo de todo ano, con especial atención no propio Día das Letras Galegas 2023, o 17 de maio.