Skip to main content
Ribadeo

Licitadas as obras de mellora da rúa Luz Pozo Garza ribadense

Por 7 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Ribadeo sacou a licitación as obras de mellora na rúa Luz Pozo Garza e nun treito de Virxe do Camiño por un importe de 198.772,76 euros. As empresas dispoñen de vinte días para presentar as súas ofertas.

A concelleira de Obras, Mónica Freire,  explicou que “o Concello de Ribadeo ven de publicar hoxe a licitación das obras de mellora na rúa Luz Pozo Garza e nun treito de Virxe do Camiño por  un importe total de 198.772,76 euros. Esta  licitación chega logo de que fai unhas semanas o Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron un convenio extraordinario de colaboración para acometer estas melloras”.

A edil ribadense lembrou que “levamos nestes últimos anos facendo un importante esforzo para mellorar numerosas zonas da nosa vila, nalgúns casos con fondos propios do Concello e noutros casos, como neste, coa colaboración da Deputación de Lugo. Fai unhas semanas asinamos un convenio económico extraordinario moi importante coa entidade provincial para poder agora licitar estas actuacións coas que repararemos a totalidade da rúa Luz Pozo Garza e unha marxe de Virxe do Camiño, a próxima ao Xardín de Indianos e á capela da Virxe do Camiño”.

Freire Rancaño dixo: “as melloras de espazos no centro urbano terán continuidade nestes próximos meses con diferentes actuacións e, entre elas, co acondicionamento destas dúas rúas que son dúas arterias importantes da nosa vila e que se atopaban deterioradas por sucesivas reparacións e fugas”.

A concelleira de Obras indicou que “o proxecto que redactaron os técnicos municipais, duns 200.000 euros de orzamento total,  contempla a renovación do pavimento das beirarrúas e a capa de aglomerado de toda a calzada da rúa Luz Pozo Garza, complementando novas tubaxes de abastecemento de auga e nova canalización de saneamento cunha nova rede de alumeado xa fixada con criterios de led. Na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos, vaise substituír o pavimento existente dunha beirarrúa, que está absolutamente deteriorado e é moi perigoso, e vanse renovar tamén as luminarias existentes e o sistema de alumeado, que se atopa fóra de servizo desde hai anos. Na marxe contra a capela da Virxe do Camiño substituiremos e ampliaremos as beirarrúas existentes, coa colación dunha nova sinalética vertical e horizontal”.

Mónica Freire engadiu que “coa publicación hoxe na Plataforma de Contratos do Estado, as empresas interesadas e que cumpran cos requisitos esixidos, dispoñen de 20 días para presentar as súas ofertas”.