Skip to main content
Ribadeo

500 árbores foron entregadas aos veciños ribadenses para repoboar as faixas de protección de vivendas

Por 25 Febreiro, 2023Sin comentarios

No Cantón de Ribadeo foron entregadas 500 árbores destinadas a repoboar con frondosas as faixas de protección de vivendas e núcleos de poboación fronte aos incendios forestais. 30 persoas foron as beneficiarias desta axuda do Concello. O investimento ascendeu a 9.000 euros. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz.

O rexedor dixo: “destacar o orgullo que sentimos desde o Concello por ir aplicando a lei de incendios nestes últimos anos. En Ribadeo fixéronse grandísimos avances. Ao principio custou, sobre todo pola soidade debido a que o Concello de Ribadeo foi na vangarda practicamente por cumprir unha lei autonómica que o propio goberno galego decretou e creou hai anos pero tampouco a executaba”.

Suárez Barcia subliñou que “en Ribadeo fíxose unha actuación moi importante, os propietarios de parcelas que estaban rodeando núcleos ou vivendas na súa grandísima maioría fixeron as actuacións que a lei require, pero tamén desde o Concello todos os anos, e este non podía ser diferente, queremos axudarlles ou colaborar dalgún xeito para que todos aqueles propietarios que tiveron que desbrozar e cortar as especies pirófitas (acacias, eucaliptos ou pinos) e plantar no seu lugar a vexetación frondosa que si contempla a lei; precisamente cremos que o mellor xeito de protexer un núcleo ou unha vivenda é coa plantación de especies que non combustionan, que non son pirófitas, como carballo, castiñeiro, acivro, etcétera”.

E engadiu: “de aí que nesta convocatoria, na que investimos uns 9.000 euros de diñeiro público, vamos actuar con 30 persoas beneficiarias, todas as que solicitaron, ás que lles demos unhas 500 árbores, e vaise actuar nunhas 63 parcelas que supoñen unhas 8 hectáreas de superficie, que van sumarse a todas as especies vexetais frondosas que levamos dando xa desde hai anos para que o risco de incendio en Ribadeo cada día e cada ano se vaia minimizando. E que o exemplo de Ribadeo cunda en todos os concellos de todo o país”.