Skip to main content
Ribadeo

Os pasos de peóns de Ribadeo súmanse ao Día Internacional da muller

Por 28 Febreiro, 2023Sin comentarios

Os pasos de peóns de Ribadeo súmanse ao Día Internacional da muller. Para iso, a concelleira de Igualdade, Mónica Freire, anuncia que están a ser pintados estes días en varios pasos de peóns os nomes de 37 mulleres pioneiras en diferentes ámbitos co obxecto de visibilizar o traballo na historia, moitas veces esquecido, das mulleres e reivindicar a igualdade.

Mónica Freire subliña que “con esta iniciativa queremos dar visibilidade a unha selección de 38 mulleres que destacaron en diferentes ámbitos, desde a ciencia ou a pintura ata a loita pola igualdade de dereitos, e que representan ás moitas mulleres esquecidas ao longo da historia”.

A edil ribadense explica  que “xunto ao nome de cada unha das protagonistas aparece unha breve recensión biográfica para que a cidadanía coñeza a relevancia que estas mulleres tiveron na nosa historia polas súas iniciativas pioneiras nos seus respectivos campos”.

Freire Rancaño engade que “impulsamos esta acción de concienciación para visibilizar que, ELAS, non se deixaron amedrentar, abriron camiño rompendo con estereotipos e conseguiron destacar, a pesar das trabas impostas pola sociedade”.

1.-Maruxa Mallo

Viveiro (1902-1995)  Pintora surrealista galega de recoñecemento internacional.

2.-Mª Victoria Moreno

Valencia de Alcántara, Cáceres (1941-2005) Profesora, conferenciante, tradutora e escritora.

3.-Ánxela Ruiz Robles

Villamanín, León (1895-1975) Mestra, pedagoga e inventora. Precursora do  libro electrónico.

4.-Concepción Arenal

Ferrol  (1820-1893)  Xurista, escritora e xornalista .Traballou pola igualdade das mulleres.

5.-Ánxeles Alvariño

Serantes (1916-2005). Bióloga, investigadora e pioneira da oceanografía.

6.-Ernestina Otero

Redondela (1890-1956) Mestra e pedagoga galega.

7-Mª Josefa Wonenburger Planells

Montrove, Oleiros (1927-2014) Matemática e investigadora. Destacou en xeometría alxebraica.

8.-Emilia Pardo Bazán

A Coruña (1851-1921) Escritora, xornalista, editora , catedrática , crítica literaria, tradutora, e conferenciante.

9.-Olimpia Valencia

Baltar (1898- 1987)  Foi a primeira médica galega.

10.-Filomena Dato

Ourense (1856- 1926)  Escritora, poeta, oradora e feminista galega.

11.-Isabel Zendal

Agrela, A Coruña. Enfermeira galega. Participou na expedición que levou a vacina da varíola a América.

12.-Rosalía de Castro

Santiago de Compostela (1837–1885) Poeta e novelista galega do Romanticismo do século XIX.

13.-Antonia Ferrín

Ourense (1914-2009) Matemática, profesora e astrónoma galega.

14.-María Casares

A Coruña (1922-1996) Actriz galega de cine e teatro de sona mundial que  amadriña os premios de teatro galego.

15.-Luz Pozo Garza

Ribadeo, (1922 -2020) Escritora, docente, poeta e crítica literaria. Primeira galega en ser proposta ao Nobel.

16.-María Barbeito Cerviño

A Coruña (1880- 1970) Mestra, pedagoga, tradutora, escritora e divulgadora .

17.-Isabel Barreto

Pontevedra​​ (1567- 1612) Navegante galega e  gobernadora. Primeira muller co cargo de almirante.

18.-Elisa Patiño

Pontevedra (1890 -1919) Aviadora galega.  Primeira muller en pilotar un avión en Galicia

19.-María Vinyals

Soutomaior (1875- década de 1940) Escritora, sufraxista e activista social galega .

20.-Exeria

Gallaecia ( século IV) Peregrina e escritora. Autora do primeiro libro de viaxes escrito por unha galega.

 21.-María Luz Morales

A Coruña  (1889-1980). Xornalista, escritora, crítica teatral e asesora de tradución de guión para a produtora Paramount.

22.-Manuela Barreiro

Viveiro (1877–1953) Farmacéutica.  Primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela.

23.-Rita Fernández Queimadelos

A Cañiza (1911-2008) Foi a primeira arquitecta nada en Galicia.

24.-Xela Arias

Sarria (1962–2003) Escritora, editora, tradutora,  e profesora de literatura.

25.-Sor Pilar de León 

Cádiz ( 1911.-2001) Irmá da Congregación “Hijas de la Caridad”. Impartiu clases de música no Colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo

26.-Ernestina Mansilla Jiménez

(¿?  -1925) Filla adoptiva de Ribadeo. Filántropa, Creou un colexio para orfos e fixo doazóns ao Hospital Asilo

27.-Amadora Suárez Couto 

Ribadeo (1888- 1984) Interprete e compositora. Comprometida coa vida social e cultural ribadense.

28.-Antía Cal

La Habana (1923-2022) Educadora. Precursora da escola do século XXI en Galiza.

29.-Luisa Villalta

A Coruña (1957 -2004). Escritora, tradutora , filóloga e violinista galega.

30.-Elena Colmeiro

Costela-Silleda (1932-2021). Ceramista de prestixio internacional.

31.-Dorotea Barcena

Oviedo (1944-2016) Dramaturga feminista e primeira muller directora do Centro Dramático Galego.

32.-Lolita Díaz Valiño

A Coruña (1905-1963) Pintora e profesora. Pioneira da ilustración galega. Académica da Real Academia Galega de Belas Artes

33.-María del Carmen Corredoira

A Coruña (1893 -1970)  Pintora e académica da Real Academia Galega de Belas Artes.

34.-Amada García Rodríguez 

Mugardos (1909 – 1938​) Militante comunista, loitadora en favor dos dereitos das mulleres, da liberdade e a xustiza.

35.-Sofia Casanova

Culleredo 1862- 1958). Xornalista. Autora de poesía e teatro. Cronista de guerra.

36.-Concepción Pérez Iglesias

Santiago de Compostela (1881-1939) Mestra  e primeira alcaldesa dun concello galego.

37.-Corona González

Vilaño, Laracha ( 1875 – 1972) Filla adoptiva de Ribadeo . Filántropa, fotógrafa e xornalista.

38.-Áurea Rodríguez

Muntían- Cartelle (1897-?) Primeira gaiteira documentada da historia, fundadora e directora  do grupo “Os Maravillas”.