Skip to main content
Trabada

A Deputación traballa na mellora da estrada LU-P-6101, en Trabada

Por 6 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Deputación traballa na mellora da estrada LU-P-6101, en Trabada cun investimento de preto de 176.000 euros. Os traballos nesta vía, que conecta o lugar de Trabadela coa Ría pola parroquia de Sante, comezaron a semana pasada coa limpeza das cunetas e contan cun prazo de execución de dous meses.

Concretamente, a actuación da institución provincial afecta a un treito comprendido entre o punto quilométrico 3,554 e o 7,556, e consiste na apertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e a sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.

Trátase dunha obra moi importante para o concello mariñán porque a vía dá servizo a varias parroquias e vertebra o norte do municipio, conectando a LU-P-6104 dende Trabada coa N-640; polo que é moi empregada pola veciñanza.

A mellora da mobilidade é unha das liñas estratéxicas da acción do Goberno provincial, como queda demostrado nos Orzamentos. De feito, o investimento en estradas subiu un 30% no que vai de mandato, pasando dos 14,2M€ consignados no 2019 aos 18,3M€ deste ano para tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.