Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro repartirá case 7.000 euros en premios no concurso de disfraces do Entroido

Por 4 Febreiro, 2023Febreiro 5th, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, presentaron hoxe o cartel do Entroido 2023 e adiantaron algunhas das actividades que incluirá esta celebración. No marco desta festa, o Concello anuncia a organización do concurso de disfraces do desfile de Entroido.

“O Entroido é, sen dúbidas, unha das datas máis sinaladas en Viveiro. Agardamos que tanto os nosos veciños e veciñas, como a xente que nos visita nestes días, desfruten do ambiente da nosa vila”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

O certame de disfraces contempla categorías de adultos (carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual) e infantil (individual, parellas e grupos). Unicamente será posible inscribirse nunha categoría.

O prazo de inscrición ao desfile abrirase o próximo xoves 9 de febreiro e pecharase o 19 do mesmo mes. As inscricións tramitaranse achegando a documentación recollida nas bases do certame no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Viveiro.

O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse case 7.000 euros en premios entre todas as categorías.

Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos. Por último, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile.

Principais datas do programa

A falta de pechar o programa definitivo, o Concello de Viveiro sinala algúns dos principais eventos do Entroido 2023. “Como é habitual, traballamos nun programa que chegue a todas as franxas de idade e no que se transmita o espírito do Entroido viveirense”, detalla a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

Os actos comezarán o xoves 16 co xoves de comadres, no que colaboran os locais de hostalaría do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. O sábado, 18 de febreiro, celebrarase o Certame de Alpuxarradas, no que tamén se repartirán premios.

O día da cativada será o luns 20 de febreiro, coa Festa Infantil na Praza Maior. Ademais, organizaranse obradoiros temáticos tanto o domingo 19 como o luns 20 de febreiro. Doutra banda, o domingo pola tarde instalaranse inchables gratuítos nos Xardíns de Noriega Varela.

O martes, 21 de febreiro, será o día central de actos deste Entroido, co concurso de disfraces durante o desfile. Tras esta xornada de festa, o mércores celebrarase o enterro da sardiña, mentres que a rapazada poderá gozar do enterro da parrochiña.

A música, da man das charangas e outras agrupacións musicais, protagonizará todos os días de festa. Ademais, nesta edición, o Goberno local levará a animación musical a outros puntos de Viveiro, como Covas e Celeiro.

Está previsto que o programa completo sexa anunciado proximamente.