Skip to main content
A FonsagradaAxenda CaducadaTaboadaVilalbaViveiro

A Deputación celebra o 8M cun ciclo de concertos ‘Con voz de muller’

Por 22 Febreiro, 2023Sin comentarios

A institución provincial organiza actuacións gratuítas da Banda da Loba, en Vilalba, o día 3 de marzo; Caamaño&Ameixeiras, en Taboada, o día 4; e Catuxa Salom, na Fonsagrada, e Margarida Mariño, en Viveiro, o día 5.

A Deputación de Lugo lanza a segunda edición do ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha iniciativa coa que a institución achega aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo.

A deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, subliña que esta iniciativa musical tivo “moi boa acollida o ano pasado, polo que decidimos reeditala, para celebrar o Día da Muller favorecendo a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música”.

A institución provincial contará nesta segunda edición de Con Voz de Muller 8M coa Banda da Loba, un grupo de cinco mulleres que unen pop, blues, folk, rock e sons tradicionais que converxen nun estilo singular; Caamaño&Ameixeiras, que conectan o violín e o acordeón para facer música folk en galego; Catuxa Salom, que dende unha pequena aldea xera un estilo electrónico que fusiona o folklore galego con ritmos tribais mezclado con coros de armonías; e Margarida Mariño, quen renova os sons do violonchelo clásico con pedais de efectos, voces, loops e electrónica.

Loureiro valorou o incremento de voces femininas no panorama musical galego “que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”.

“Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica a Deputada, quen avanzou que a institución provincial entregará agasallos ás persoas que acudan aos concertos.

PROGRAMA

Vilalba – Concerto da Banda da Loba
Data: Venres, 3 de marzo ás 20.30 horas
Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Taboada – Concerto de Caamaño&Ameixeiras
Data: Sábado, 4 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Praza Riazón

A Fonsagrada – Concerto de Catuxa Salom
Data: Domingo, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Viveiro- Concerto de Margarida Mariño
Data: Domingo, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Teatro Pastor Díaz

Exposición sobre Elvira López Mourín

O Pazo de San Marcos acollerá dende o luns 6 de marzo a exposición Elvira López Mourín. Unha enfermeira de altura. Trátase dunha mostra impulsada pola Academia de Enfermería de Galicia e o Colexio de Enfermería de Lugo, coa que colabora a Deputación de Lugo. A exposición busca dar a coñecer a figura desta enfermeira lucense, que fai cen anos converteuse na primeira en participar nun voo médico sobre o territorio inimigo no conflito do Rif.

A Deputación tamén colaborou coa edición do libro sobre a vida desta sanitaria, un proxecto ao que dedica 9.000€.