Skip to main content
Xove

Detectado un novo caso de gripe aviaria nunha gaivota en Xove

Por 14 Febreiro, 2023Febreiro 15th, 2023Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de gaivota afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela que foi achada morta en Morás (Xove), na provincia de Lugo. Foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral e mostrexada para a análise laboratorial, eliminándose posteriormente o cadáver conforme á normativa vixente. Con este novo caso son xa 30 o total de focos notificados en Galicia, todos en aves silvestres (mascatos e gaivotas), desde o primeiro caso detectado en agosto 2022.

A nivel do Estado, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas: anátidas como parrulos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou miñatos e outras especies de distintas familias de aves como garzas, cegoñas, pombas, voitres leonados, quebraósos ou gaivotas. Así, rexistráronse casos en 13 das 17 comunidades autónomas.

Dada a desestacionalización da circulación deste virus que se vén observando nos dous últimos anos en Europa, é esperable que continúe a detección de novos casos de aves silvestres afectadas tanto en Galicia como no resto do territorio do Estado.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Cómpre polo tanto reiterar a necesidade do reforzo das medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como a importancia de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.