Skip to main content
Axenda Caducada

A Fonsagrada celebra esta fin de semana a Feira do Butelo

Por 8 Febreiro, 2023Febreiro 9th, 2023Sin comentarios

A Feira do Butelo da Fonsagrada é unha das citas gastronómicas máis asentadas na comarca e que este ano 2023 se celebrará os vindeiros 11 e 12 de febreiro na que será a 26 edición.

Desde a súa orixe a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos típicos para estas datas.

A feira dará comezo o sábado 11 de febreiro ás 10.00 coa apertura da carpa que permanecerá aberta ata ás 20.00. Ás 12.30 terá lugar a inauguración oficial da festa e, a continuación, ás 13.00 dará comezo o paseo polos diferentes postos.

O domingo a apertura da carpa será tamén ás 10.00 e o peche ás 20.00. A recepción de personalidades terá lugar ás 12.00 e ás 12.30 o grupo de música tradicional Illa Pancha actuará para todos os presentes.

A entrega da distinción do Butelo de Ouro, que será para aquelas persoas voluntarias que durante o confinamento realizaron mascarillas para os veciños, terá lugar ás 13.00 no salón de plenos da Casa Consistorial e a continuación, ás 13.30, será a actuación de A.C. Antaruxas e Sorteiros.