Skip to main content
Axenda CaducadaComarca AMARIÑAXA

Unha manifestación feminista en Ribadeo será o acto central do 8M na Mariña

Por 18 Febreiro, 2023Sin comentarios

Mulleres do Observatoiro da Mariña pola Igualdade e os colectivos Comisión de igualdade do CIFP Porta da Auga, Comisión de igualdade do IES Dionisio Gamallo, Confederación Interesindical Galega, Meigas  Bravason, Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos, Programa de Lecer e  Revitalización no Rural do Concello de Ribadeo, Sindicato Labrego Galego e Vacas Fracas, reivindicarán o 8M cunha manifestación feminista en Ribadeo.

A mobilización terá lugar o mércores 8 de marzo ás  20.00 horas con saída desde o aparcadoiro público situado ao  carón do IES Dionisio Gamallo, a manifestación percorrerá a avenida de Galicia, a rúa Reinante, a rúa Villafranca del Bierzo e a rúa San Francisco ata chegar á praza de España para concentrarse, finalmente, diante do Concello de  Ribadeo.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, feministas da  comarca levan semanas organizando a campaña para o 8M cuxo lema principal será Feminismo día a día. Polos nosos dereitos, polas nosas vidas.

As organizadoras queren poñer o foco en que “o feminismo é máis necesario que nunca xa que están en constante  vulneración e cuestionamento dereitos das mulleres que  deberían estar consolidados fai décadas na axenda. Do mesmo xeito, afirman, é imprescindible visibilizar que as fendas de xénero lonxe de reducirse van en aumento, nun  contexto de crise permanente que intensifica a  vulnerabilidade, a discriminación e a revitimización das  mulleres en todos os ámbitos (laboral, sanitario,  coidados, xustiza…)”.

Desde a organización inciden en que a formación con perspectiva de xénero e o desenvolvemento de políticas públicas feministas son piares básicos para promover un  modelo económico, social, político e cultural baseado na equidade de xénero.

Con anterioridade á manifestación feminista do 8 de marzo colocaranse varias faixas en puntos de moito tránsito da  comarca que conterán unha frase de Begoña Caamaño que irá acompañada por unha ilustración de Abi Castillo.

Do mesmo xeito, na fin de semana previa ao 8M realizaranse obradoiros de creación de materiais para a manifestación, como lemas e cartaces, así como talleres de batuke, xa  que a idea é que un grupo de batukeiras acompañe o bloque non mixto da cabeceira da manifestación, onde irán  colectivas feministas e mulleres, e ao que seguirá o  bloque mixto. Tamén está prevista a venda de chapas para  recadar fondos.

Todas aquelas mulleres que desexen sumarse para construir xuntas este 8M e para participar nos diferentes grupos de traballo de coordinación da mobilización poden escribir a observatorioigualdade@gmail.com.