Skip to main content
Lugo

Entrevista: “O noso obxectivo principal é facer persoas, non futbolistas”

Por 4 Febreiro, 2023Febreiro 5th, 2023Sin comentarios

O ACD Piringalla nace no 2016 na cidade de Lugo e desde entón esta escola deportiva non parou de crecer. Falamos con Luís Agra, director deportivo e vicepresidente, para coñecer un pouco máis a historia deste club lucense.

Como son os inicios do Piringalla?

No ano 2006 ou 2007 constituímos o club para que un grupiño pequeno de rapaces competira a fútbol sala, despois deixamos o club sen actividade ata o ano 2016. Este é realmente o inicio do que é hoxe o ACD Piringalla.

Neste 2016 foi cando nós comezamos a competir a fútbol, unha serie de persoas que nos adicabamos a este deporte decidimos comezar co club para xogar a fútbol 8 e tentar que pouco a pouco eses nenos fosen crecendo para xogar en fútbol 11 e abarcar así todas as categorías.

Unha serie de pais e persoas da directiva confiaron en min para levar a dirección deportiva e comezamos así con dous equipos de fútbol 8. No ano 2017 xa contabamos con catro equipos e realizamos o primeiro campus e dende entón foi un continuo crecemento.

Hoxe en día temos máis de catrocentas fichas e temos competindo entre fútbol sala, fútbol 8 e fútbol 11 uns trinta equipos, e en todas as categorías, desde prebenxamín ata xuvenil. Quédanos ter un equipo sénior, que quizais para o ano que ven, porque desde que comezamos ata o de agora os rapaces non creceran para un equipo sénior. Agora que xa temos xuvenís de terceiro ano  polo que imos tentar sacar un.

Agora contan tamén con sección de atletismo, como xorde?

O ano pasado comezamos cunha sección de atletismo porque parécenos que é a base de todos os deportes, desde a técnica de carreira ata a coordinación e consideramos importante que os mozos, aínda que sexa so un día á semana, podan adestrar a este deporte que os vai facer mellorar como futbolistas.

Na tempada pasada, que foi o primeiro ano, tiñamos uns 16 ou 20 atletas e este contamos xa con case setenta. Compiten nas probas oficiais da Federación Galega de Atletismo e tamén tentaremos este ano sacar algo para o Corre con Nós.

Cal é a parte positiva de contar con estas tres disciplinas?

A parte positiva é que unhas se axudan ás outras, o atletismo para o meu gusto ten que ser a base de todos os deportes e logo entre fútbol e fútbol sala compleméntanse, sobre todo cando os nenos son máis pequenos.

Ao practicar os dous deportes teñen máis tempo o balón no pé e iso dótaos de maior habilidade e adoitan ser xogadores mellor tecnicamente. Moitos dos nosos nenos xogan tanto a fútbol sala como a fútbol campo o que significa que adestran máis que se só practicasen un dos dous deportes e unha disciplina complementa á outra.

Cales son os valores que os definen?

Os valores fundamentais para nós son a educación, o respecto e o compañeirismo. O noso obxectivo principal é facer persoas, non futbolistas, ser un granciño máis na formación dun neno. Tamén na parte deportiva saber competir, como afrontar os fracasos e como afrontar tamén ben as vitorias, tanto unha cousa como a outra hai que saber xestionalos.

Se os nenos que están connosco en prebenxamíns chegan a xuvenís pois para nós ese é o maior éxito, significa que eses nenos fixeron toda a súa vida deporte connosco. O deporte e a disciplina deportiva é de moita axuda en moitos ámbitos da vida.

Non é soamente o lograr gañar, non é o noso obxectivo, aínda que ás veces o consigamos.

O segredo do noso crecemento foi un pouco o boca a boca, é dicir, non fixemos unha gran publicidade nin era o noso obxectivo medrar tanto. Eu creo que foi un pouco o boca a boca, nós tentamos darlle unha vertente educativa a todo isto, non nos volven tolos os resultados e tratamos de axudar moito aos pais cos nenos na vertente educativa. A maior parte dos nosos adestradores son diplomados en maxisterio ou como mínimo teñen o ciclo Tafad entón eu penso que iso gústalles aos pais, máis que un adestrador é un educador.

Que outras actividades realizan ademais dos adestramentos?

A parte dos adestramentos que realizamos durante todo o ano, onde calquera que estea interesado en formar parte da nosa familia pode poñerse en contacto con nós a través do teléfono (629 02 55 14) ou do correo electrónico (contactopiringalla@gmail.com), no mes de xuño, realizamos un campus de fútbol e multideporte. Este campus nace un pouco por petición das familias por necesidades de conciliación familiar e tamén para nós é como un premio para todos os nenos que están connosco. Xogamos a fútbol e a outros deportes e pasamos unha semana que estamos todo o día xuntos compartindo momentos.

Cal foi o maior desafío como club?

A propia creación do club foi para nós o maior desafío. É un club que xorde da nada e que non tiña nome, comparado con outros clubs que xa teñen unha historia e traxectoria. O desafío realmente era ter nenos en todas as categorías, como outros clubs que eran máis grandes, e que a día de hoxe está conseguido.

E o maior logro?

O noso obxectivo principal é que os rapaces sigan connosco ao longo dos anos, por iso que haxa nenos que comezaron coa formación do club e que actualmente están no seu último ano de xuvenís é unha alegría e un gran logro para nós.

A nivel persoal, eu levo moitos anos adestrando e que algúns dos nenos que eu adestrei no seu momento sexan hoxe en día adestradores do club é para min unha gran satisfacción persoal.

A nivel deportivo, a cantidade de equipos que temos tamén é unha satisfacción moi grande porque é indicativo de que a xente está agusto connosco. Quere dicir que o equipo técnico que forma o Piringalla e o traballo que estamos a realizar é bo.