Skip to main content
Lugo

O Castiñeiro conta cunha nova pista deportiva

Por 4 Febreiro, 2023Febreiro 5th, 2023Sin comentarios

Xa está a disposición da cidadanía unha nova pista deportiva no Castiñeiro, cumprindo coas peticións da veciñanza da zona que reclamaba novas dotacións para a contorna, unha das máis populosas da capital. A instalación, integrada nunha parcela municipal de 800 m² entre as rúas Juana la Loca e Ramón Piñeiro, dispón de céspede artificial – para facilitar o seu coidado e mantemento – e estará delimitada por un peche perimetral.

“Estamos moi contentos de poder atender as demandas dos nenos e nenas da Abella que nas diversas visitas que realizamos a este barrio nos trasladaban o seu desexo de poder contar cun campo onde practicar deporte dunha forma cómoda e segura, ao aire libre. E así o fixemos, cun novo recinto moderno e versátil, axustado ás necesidades que nos comunicaron – que conta incluso con iluminación para propiciar o seu aproveitamento en horario nocturno e tamén durante as tardes de inverno cando hai menos horas de luz natural – e que será de uso público e gratuíto para seguir incrementando os servizos e as prestacións municipais para o desfrute do conxunto da sociedade”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora, acompañada polos concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Fernández e de Xuventude e Deporte, Mauricio Repetto, participou no acto inaugural que incluíu, alén dun partido de fútbol amistoso entre a rapazada do barrio e o equipo Lugo Sala, unha chocolatada e a visita de varios xogadores do CD Lugo.

Méndez enmarcou a actuación no obxectivo fixado ao inicio de mandato de avanzar nos plans de mellora da calidade de vida da mocidade a través dun ocio saudable, vinculado coa promoción de hábitos que inciten ao exercicio e á actividade física.

“Unha aposta decidida que se pode constatar coa creación de novas infraestruturas como esta, o Skate Park, o Circuíto de Motocross de Teixeiro, a área de Parkour, etc e coa mellora das xa existentes como a cubrición das pistas de Tenis de Frigsa, o acondicionamento dos pavillóns, etc”, lembrou.

A apertura da pista coincide na mesma semana na que tamén se anunciou a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro. Unha intervención coa que tamén se unificarán os diferentes espazos de lecer que se aglutinan nesta contorna contribuíndo, así, a favorecer a convivencia interxeracional. A obra, que suporá un investimento de 365.000 euros, contempla un parque de xogos con tirolina, rocódromo e elementos inclusivos para crianzas con espectro autista.