Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta convoca as axudas para fomento da plantación de castiñeiros

Por 11 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o fomento de plantación de castiñeiros e recuperación de soutos tradicionais que se convoca para este ano 2023. Enmárcase no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, que se engloba dentro da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Deste xeito, o orzamento total para esta convocatoria é de 3.586.748 euros, financiados cos fondos europeos NextGenerationEU, que se repartirán entre os anos 2023 e 2024 e se distribuirán en dúas liñas de actuación. O prazo para presentar solicitudes é de 45 días hábiles.

A primeira liña refírese ao fomento de plantación de castiñeiro para froito, atendendo tanto ao relativo aos gastos de plantación forestal, como ao tratamento da vexetación preexistente. Mentres tanto, a segunda liña destinarase a todo aquilo relacionado á rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, ademais de ás actuacións silvícolas ou as rozas. Ambas liñas inclúen tamén as infraestruturas de acompañamento, obras complementarias ou os honorarios de redacción do proxecto técnico. Cómpre engadir que estas axudas están destinadas a diferentes clasificacións de terreos: forestal, pasto con arboredo, pasto arbustivo, pasteiro, froiteiras e terras arables.

Poderán ser beneficiarias destas achegas as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos. Asemade poderán beneficiarse as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as Sociedades de fomento forestal (Sofor), que estean inscritas nos rexistros pertinentes, e os axentes promotores produtivos que, ao abeiro do establecido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, sexan adxudicatarios de propostas de actuación en polígonos agroforestais. Tamén poden ser beneficiarias aquelas persoas con propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a aldeas modelo. Así mesmo, as persoas e colectivos titulares dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e das comunidades de montes veciñais en man común.

Estas achegas están ligadas ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia de España, especificamente na compoñente 4, que ten como obxecto alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantindo o uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.

Cabe sinalar que o castiñeiro é unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia dende o punto de vista da alimentación, pero tamén polo seu valor para usos madeireiros. Ademais destas utilidades, o ecosistema creado nos soutos orientados á produción de castaña ou á produción de madeira repercute tamén positivamente na creación de valor como recurso turístico e paisaxístico. Dende o punto de vista medioambiental, actúa como elemento de defensa contra os incendios forestais e protección do solo ou como hábitat para a proliferación doutras especies.

Cómpre destacar que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España. O volume de produción anual tradúcese nun impacto económico a nivel autonómico de máis de 20 millóns de euros pagados aos produtores, xerando un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformados.

Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” inclúe na súa primeira revisión distintos eixos estratéxicos para o deseño e execución da política forestal galega. O Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña enmárcase dentro deste Plan forestal e establece 36 actuacións integradas en cinco eixos de intervención: planificación, seguimentos e control da produción do castiñeiro en Galicia; investigación, transferencia e apoio ao sector viveirístico; desenvolvemento e revitalización de recursos e aproveitamentos; impulso da comercialización e fomento da calidade da castaña (con especial atención á indicación xeográfica protexida -IXP- Castaña de Galicia) e mellora da competitividade e do valor engadido das empresas.

Estas 36 propostas de actuación deben executarse no marco temporal ao que se refire este plan estratéxico, que se prolonga ata o ano 2040. O obxectivo final é recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 hectáreas novas para a produción de madeira e castaña.

Consulta a orde neste enlace.