Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación ratifica ao Consorcio de Bombeiros a vontade de facer fixos os traballadores

Por 19 Febreiro, 2023Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, reuniuse este venres no Pazo de San Marcos co novo comité de empresa do Consorcio Provincial de Bombeiros. Un encontro que se produciu a petición dos traballadores para abordar asuntos de interese para ambas as partes.

A deputada trasladoulles o compromiso de colaboración do Presidente da institución, José Tomé Roca, e ratificoulles que ten “total vontade” -de acordo con informes técnicos xa elaborados- de facer fixos aos traballadores sacando adiante un proceso de estabilización laboral en aplicación dunha sentenza de unificación de doutrina que ditou o Tribunal Supremo con respecto ao caso dunha traballadora do SAF de Navarra. Este ditame xudicial abre a porta a darlles estabilidade e seguridade laboral aos traballadores dos parques de bombeiros, sen que teñan que pasar por un proceso selectivo.

Así mesmo, Pilar García Porto reiterou que a Deputación considera razoables as cuestións introducidas polos representantes dos bombeiros na proposta do convenio colectivo e que está en disposición de chegar a un acordo para aprobalo canto antes.

García Porto felicitou aos novos membros por resultar elixidos e desexoulles unha boa etapa á fronte do comité de empresa.